Komic Librería: especializada en cómics dende 1987

Komic Librería: Especializada en comics e merchandising


Corría o ano 1987 cando unha parella, Xosé 'Pío' Barreiro e Ana Manteca, decidiron facerse cargo dun pequeno quiosco situado no 34 da compostelá rúa de San Pedro de Mezonzo. Non obstante, o seu verdadeiro proxecto non contemplaba a venda de xornais e lambonadas, senón adicarse en corpo e alma a aquilo que realmente lles atraía e interesaba: a arte do cómic.

Como era de agardar, aquel pequeno quiosco deixou rapidamente de funcionar como tal para convertirse no que por aquel entón parecía un imposible: Komic Librería, a primeira librería especializada en cómics de Galicia.

Komic Librería en 1987


Coma toda actividade pioneira, nos primeiros anos houbo unha esixente carga de traballo, afrontada coa enorme ilusión que dá folgos a quen abre novos camiños. E así Komic Librería foi facendo a súa presentanción en todas as feiras do libro celebradas ao longo da xeografía galega, achegándose a un público que, ata aquel intre, permanecía alleo ao mundo dos cómics.

Pouco a pouco, Komic Librería acadou a distribución de editoriais punteiras como La Cúpula, Toutain, Eurocómic, Zinco, Newcómic, Complot ou Glénat, e tamén foi incorporando novos artigos á súa oferta: dende todo tipo de merchandising (camisetas, figuras, estatuas, etc.) a xogos de rol e de cartas como Magic ou Yu-Gi-Oh.


En 1998, Komic Librería participou no salón Viñetas desde o Atlántico, na Coruña, unha cita ineludible para os afeccionados á novena arte e á que, dende entón, nunca faltou.

I Edición de Viñetas desde o Atlántico

Catro anos despois, asentada xa no mercado, cunha personalidade definida, unhas características específicas e unha clientela fiel e crecente, Komic Librería cumpría quince anos de vida e, para celebralo, decidíu organizar un evento arredor dun dos seus autores preferidos: Mauro Entrialgo.

Logotipo conmemorativo do 15 Aniversario de Komic Librería

Xa que logo, máis de corenta portadas de discos ilustradas polo vitoriano, xunto cun impresionante mural de sete por catro metros deseñado por el para a ocasión, foron expostos na santiaguesa Sala Nasa, onde a festa rematou cun animado concerto.

Exposición de portadas de discos deseñadas por Mauro Entrialgo


Ao longo dos seguintes anos, Komic Librería contou co privilexio de asistir e, en certa medida, formar parte dunha década excepcional para o cómic galego, na que tivo lugar o xurdimento dunha talentosa xeración de autores capaces de ofrecer obras de calidade recoñecidas por público e crítica.

Dende os primeiros pasos deste fenómeno a librería se ofreceu como lugar de presentación para moitos destes traballos, recibindo a autores como Manel Cráneo, David Rubín, Mariano, Fran Bueno, Alberto Guitián, Brais Rodríguez, Miguel Cuba, Manolo López Poy e Miguel Fernández, Martín Romero, Inacio e Iván Suárez , José Domingo, Juan Junquera e Alfonso Martínez, etc.

David Rubín asinando unha das súas obras en Komic Librería

Ao seguir estes acontecementos resulta lóxico que, no ano 2007, con motivo do seu viséximo aniversario, Komic Librería apostara por unha celebración consagrada ao cómic galego, organizando un evento no que os protagonistas eran dous dos seus máximos expoñentes: Fran Bueno e David Rubín.

Logotipo conmemorativo do 20 Aniversario de Komic Librería

Deste xeito, o centro sociocultural e xuvenil O Ensanche, de Santiago de Compostela, acolleu unha exposición de páxinas orixinais de ámbolos dous autores que, alén de proporcionar pracer estético, pretendía facilitar a comprensión de dous procesos cretivos tan diferentes como suxestivos.

Álvaro Pons, flanqueado por Fran Bueno e David Rubín

A modo de colofón o respectado crítico de banda deseñada Álvaro Pons deleitou ao público asistente coa súa maxistral conferencia “BD Galega, a visión exterior”, complementada cunha charla coloquio á que tamén asistiron os autores protagonistas da exposición.

Este mesmo ano Xaime Lis únese ao equipo de Komic Librería, converténdose dende o primeiro momento nunha peza imprescindible para o seu funcionamento.


Logotipo conmemorativo do 25 Aniversario de Komic Librería

En 2012 Komic Librería cumpre 25 anos de traxectoria e, para celebralo por todo o alto, decide emprender unha nova actividade coa edición do cómic Castelao. O oobre tolo, de Inacio Vilariño e Iván Suárez, en colaboración con Demo Editorial.


Ademais organiza unha exposición de páxinas orixinais do cómic no centro sociocultural e xuvenil O Ensanche, e coma broche de ouro ofrece unha festa concerto na compostelá Sala Capitol, onde os autores David Rubín e José Domingo exerceron de mestres de ceremonias ante as máis de cincocentas persoas que se entregaron ao son de Banda Aparte e The Sweet Vandals.

Exposición de orixinais da obra Castelao. O pobre tolo


Hoxe, máis dun cuarto de século despois de iniciar aquela aventura nun pequeno quiosco, Komic Librería mantén intactos os principios e sinais de identidade que lle axudaron a percorrer todo este camiño: independencia, paixón e voracidade lectora para coñecer de primeira man o que de verdade paga a pena, estricto criterio de selección para ofrecer un fondo baseado máis na calidade que na cantidade e, sobre todo, procurar que as relación humanas prevalezan sobre as mercantís.  Pode que sexa por isto polo que, en moitas ocasións, quen comeza a visitarnos como cliente acaba facéndoo tamén como amigo.


Descobre máis historias no noso Facebook