Arrancamos o 30 ANIVERSARIO de Komic Librería con agradecemento e compromiso
En Komic Librería queremos comezar este ano tan sinalado no que celebramos o noso 30º ANIVERSARIO mostrando o máximo agradecemento a todos os clientes e amigos que, coas súas visitas á librería, fixeron que a campaña de Nadal fora excelente para nós, algo moi importante e necesario, sobre todo nos últimos tempos.
Este agradecemento faise aínda máis especial respecto aos que vos achegades a Komic Librería durante todos os meses do ano: con iso contribuídes, na medida das vosas posibilidades, a manter esta forma de vida tradicional que supón o pequeno comercio. Un xeito de vida que, no noso caso, dá de comer directamente a cinco persoas e, indirectamente, a outras moitas: proveedores, imprentas, transportistas, etc.
Moitos xa sabedes que iniciamos recentemente novos proxectos de negocio, así que tamén vos queremos transmitir tranquilidade no sentido de que tentaremos manter as expectativas que poñedes en nós. Querémosvos aclarar que seguimos a gozar moito co noso traballo, pero sobre todo do contacto directo convosco, porque esa é a nosa razón de ser e o que nos mantén vivos.
Por outra banda, malia ter reducido o ritmo de publicacións na nosa páxina web nos últimos meses, aproveitamos para avanzaros que non vos ides quedar sen os nosos habituais TOP 10 das que consideramos mellores obras españolas, internacionais, galegas e infantís/xuvenís do ano 2016. De feito iremos publicando estas listas nos vindeiros días.
Para rematar querémosvos comunicar que temos unha chea de ideas para celebrar convosco os 30 anos que cumpre Komic Librería neste 2017: agardamos poder levar a cabo boa parte delas e deixar o listón ben alto, alomenos como cando fixemos o noso primeiro cuarto de século.
Moitísimas grazas por todo, agardamos seguir a veros en Komic Librería!