PENSS Y LOS PLIEGUES DEL MUNDO, de Jérémie Moreau: a ollada diferente dos que poden mellorar o mundo.

alt


As aventuras ambientadas na prehistoria teñen o poder de mostrarnos que en termos evolutivos as melloras das especies, e en concreto as da humana, son sempre lentas. Resistímonos aos cambios e isto supón unha barreira para o avance das sociedades contra a que só uns poucos valentes visionarios tiveron e teñen a capacidade de se enfrontar.

Un deses carácteres inconformistas e tenaces é o de Penss, o nome do protagonista da obra que hoxe salientamos. Un rapaz que, como se pode aprezar xa desde a portada do libro, mira ao mundo de forma distinta aos demais membros da súa tribo para tentar comprender algo que sabe que está na contorna do mundo no que vive, algo que presente pero que se lle escapa.

alt

Como pon todo o seu empeño nesta tentativa non ten as capacidades do resto de homes e mulleres do seu clan, que chegan a negarlle os alimentos dos que dispoñen porque nin caza nin recolecta poñendo a súa vida e a da súa anciá nai en perigo. Como consecuencia da súa tenacidade e resistencia un acontecemento que podería semellar casual fai que perciba a  conexión entre certos elementos da natureza, a relación entre a vida e a morte. O coñecemento que lle outorga este episodio, que para el vai ser tan transcendente, terá que pagalo quedando descolgado xunto coa súa nai do resto da tribo durante todo un inverno. Nun contexto tan hostil e sen reservas de víveres a súa supervivencia só vai ser viable dun xeito impensable e absolutamente atroz. 

Isto non é nada máis que a introdución, sabiamente construída polo autor en 19 das duascentas e pico páxinas das que consta o álbum, nas que mantén un ritmo moi ben administrado e desenvolve unha intensa e colorida aventura por intres épica e sempre simbolicamente delicada.


alt

Penss é a segunda obra de Jérémie Moreau que edita Norma Editorial tras achegarnos a estupenda La Saga de Grimr, un título que fora premiado coa Palma de Ouro no Festival de Angoulême no 2018 e que, malia ser publicado en xaneiro de 2020, tiña unha calidade tal que nos levou a dicir daquela que dificilmente podería ser superado por outro no máis alto da nosa lista de álbumes preferidos do ano.  Algo que, curiosamente, estase a repetir agora con este novo traballo. 

E non é o único paralelismo entre estas dúas obras, xa que ambas as dúas están inspiradas en grandes ideas que convidan á reflexión e protagonizadas por personaxes que mirán alén da súa propia vida e que están dispostos a se sacrificar polas súas propias conviccións, sabendo que ata aqueles que as rexeitan –e os seus descendentes- serán, antes ou despois, beneficiados polo seu sacrificio.  

alt

Se cadra a maior diferenza entre os dous títulos estea nos ambientes: se en La Saga de Grimr eran opresivos e determinados tanto por unha catástrofe natural como polos costumes dunha cultura tradicionalmente pechada en Penss atopamos un mundo primitivo aínda por descubrir e explotar pola humanidade e, facendo un paralelismo co mundo vexetal, ao que lle falta eclosionar e convertirse nun paradisíaco verxel de infinitas cores e posibilidades. 

alt

Así pois aquí vos deixamos esta recomendación, convencidos de que non será para vós un desfrute momentáneo, senón que vos deixará a reflexionar case tanto como o que leva meditado o propio Penss e que vos permitirá aprezar o talento dun autor que ata o de agora nos soubo conquistar en todos os seus traballos, xa que ao título que hoxe tratamos e ao seu extraordinario antecesor debemos engadir Max Winson e El mono de Hartlepool, tamén comentados nesta páxina.

alt