PLUS ULTRA, TRANSICIÓN AO FUTURO, de Alberto Varela Ferreiro: unha completa, agradecida e paranormal viaxe á Galicia dos setenta.


alt


Presentámosvos hoxe a última obra de Alberto Varela Ferreiro, un autor moi interesante que posúe un estilo persoal e recoñecible, caracterizado por un estilo gráfico que bebe da liña clara da bd europea e unha narrativa cunha evidente vocación histórica.

Malia a súa ampla experiencia como deseñador gráfico e ilustrador, e ter participado no pasado en diversas publicacións e fanzines entre as que sobresae a revista Golfiño, o nome deste artista carballés non era moi coñecido no mundo da banda deseñada.  Por este motivo foi toda unha sorpresa para nós e boa parte das lectoras e lectores a aparición, en 2018, de Ulf de Jakobsland, un documentado achegamento á relación dos viquingos coa Galicia da Alta Idade Media. Un relato, non obstante, que constituía a segunda incursión de Alberto na banda deseñada, tras 1809-A rebelión Neria (2010).  Deseguido, en Wolfram (2020), convidounos a revisitar outra época histórica de grande interese, a Segunda Guerra Mundial e a relevancia que cobrou a nosa terra pola súa posición estratéxica e, sobre todo, por mor da súa riqueza en volframio.

alt

E hai uns meses saía do prelo o título que hoxe nos ocupa, Plus Ultra, transición ao futuro, un relato no que regresa de novo ao noso pasado, desta volta vainos levar ata a rebuldeira segunda metade dos anos setenta a través dos pasos de Pepe Pardiñas, emigrante galego en Suíza que vén de retornar á terriña xunto á súa filla Laura.

Pardiñas, no tempo que botou no país helvético, ademais de traballar e formar unha familia, entrara en contacto coa ufoloxía e os fenómenos paranormais.  Nunha época na que proliferaban os avistamentos de ovnis esta circunstancia vaille servir ao autor como fío narrativo nesta evocadora colaxe, xa que, como nas súas obras anteriores, Alberto vai amosar o seu gusto pola historia e mesturar unha chea de acontecementos, anécdotas e personaxes para reflectir este tempo de mudanzas e conflitos, sempre cun prisma retranqueiro e cun fino humor que igualmente detectaramos nos álbumes precedentes.

alt

Deste xeito podemos ver desfilar polas súas páxinas persoeiros tanto da política como da cultura (Adolfo Suárez, Fraga, Carrillo, Juan Carlos I, Jiménez del Oso, Luís Seoane ou Isaac Díaz Pardo), desfeitas urbanísticas (a torre de Toralla ou o desaparecido “scalextric” vigués) e medioambientais (os residuos nucleares na Fosa Atlántica, o comezo das vagas de incendios forestais ou o verquido do Urquiola na Coruña), conflitos sociais en Galicia (as mobilizacións e cargas policiais nas Encrobas ou en Baldaio, a oposición á construción da autoestrada) e alén das nosas fronteiras (a Marcha Verde en Marrocos) e ata acontecementos culturais (como as estreas de Grease ou Star Wars) ou curiosidades históricas como o reinado dun galego entre os xíbaros.  Mesmo se atreve con algunha chiscadela retranqueira (impagable a sutil referencia ao xermolo do actual xigante empresarial Inditex…).

Con gran tino Alberto Varela Ferreiro vai encaixando esta morea de pezas ata acadar unha imaxe global que literalmente nos transporta ata aqueles anos, pero que tamén nos permite viaxar ao futuro e espreitar unha hipotética Galicia convertida en Eucaliptustán.  Unha boa mostra máis dese irónico humor do que falabamos antes.

alt

Así pois aquí vos deixamos esta recomendación, unha fabulosa oportunidade para viaxar ata os anos setenta e tamén para coñecer un chisco máis a un autor que cada vez aprezamos máis e a quen coñeceremos este vindeiro venres 28 de abril, cando presentará e asinará exemplares deste Plus Ultra, transición ao futuro.