OS SUICIDANTES, de Diego Ameixeiras e Tomás Guerrero (Xerais): unha distopía compostelá.
Entre as numerosas novidades da bd galega que están a saír nestes últimos meses recibimos con especial ledicia a chegada d’Os Suicidantes, unha rechamante obra froito da confluencia de dúas voces ben inquedas e persoais como son a do xornalista, guionista e escritor Diego Ameixeiras e a do animador, ilustrador e historietista Tomás Guerrero. Para Diego esta novela gráfica representa o seu debut na banda deseñada, mentras que Tomás conta xa con varios títulos publicados en galego e máis en portugués entre os que sobresae O neto do homem mais sábio, a biografía gráfica de José Saramago.
Xuntos vannos propoñer unha estraña viaxe sen saír da casa, xa que a historia que nos contan nas páxinas deste álbum está ambientada en Compostela e arredores, pero nun tempo aínda por chegar, non moi afastado do día de hoxe, o ano 2051. Neste hipotético futuro a sociedade está sometida por un tiránico rexime orwelliano preocupado de xeito exclusivo pola produtividade e o beneficio económico, deixando de lado as inquedanzas e problemas dunha poboación exposta a unhas doses altísimas de desesperanza e desacougo, a Gran Dor. Para evitar que esta angustia existencial arrastre á xente cara o suicidio –coa conseguinte perda de man de obra para o sistema- este está severamente castigado. É neste contexto no cal aparece un grupo de resistentes que se atreve a desafiar estas directrices: os suicidantes.
Con este punto de partida Diego e Tomás desenvolven unha distopía que agocha, alén da súa aparencia de xénero negro cun transfondo de ciencia-ficción, reflexións sobre os tempos actuais e as mudanzas que as relacións humanas están a vivir neste século XXI, así coma o papel do poder político no benestar e coidado dos seus concidadáns. Por suposto cómpre non esquecer a sempre enfeitizante relación entre ser humano e morte, algo fundamental na idiosincrasia galega.
Xa que logo estamos perante unha “presentación en sociedade” máis que notable para o seu guionista, que dota ao relato dun ritmo narrativo que agradecemos por mor da súa densidade gráfica e que amosa as súas virtudes e a súa experiencia como narrador.
En canto ao apartado gráfico, Tomás Guerrero afonda aínda máis no estilo pictórico ao cal nos ten afeitos dende Tanta paz leves…, o seu segundo álbum. Un debuxo fermoso e áspero que foxe, na meirande parte das súas páxinas, da clásica construción con viñetas ben definidas para tirar cara un certo estatismo que lle acae estupendamente a este relato escuro. No debuxo deste autor valenciano –convertido en galego adoptivo por méritos propios- aprezamos unha grande influencia de mestres da bd europea como Toppi ou Gianni di Luca, e o resultado final resulta perfecto para representar lugares ben recoñecibles da nosa cidade, pero tamizados polo paso do tempo e a decadencia social.
Así pois, aquí vos deixamos esta recomendación non sen antes comentar que o vindeiro martes 5 de decembro contaremos coa presenza dos autores para adicar exemplares deste álbum a partires das 18 horas. Agardámosvos!!!