Komic Librería, primeira libraría especializada en cómics que recibe o Premio Irmandade do Libro
Komic Librería foi galardoada co Premio Irmandade do Libro, un certame organizado pola Federación de Libreiros de Galicia que, na súa XXII edición, recaeu por primeira vez nunha libraría especializada en cómics.
Como apunta Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, os Premios Irmandade do Libro son unha homenaxe a todas as persoas, entidades e institucións que, ao longo do ano, desenvolveron unha actividade destacable a favor do libro e da lectura en galego.
Neste sentido, o xurado decidiu premiar a Komic Librería "polo importante papel na difusión do cómic en Galicia dende hai 25 anos, polo excepcional coñecemento deste xénero e a capacidade de saber transmitilo aos lectores, pola súa interrelación coa sociedade e a súa implicación na vida da cidade, e por ser a primeira libraría galega especializada en cómic".
Durante o acto de entrega de premios, celebrado o sábado 20 de abril na Casa da Cultura de Monforte, Xosé Barreiro transmitiu un especial agradecemento cara a súa clientela, porque "nos fai posible seguir traballando", e valorou o premio como un recoñecemento "á constancia e o traballo diario, un traballo co que todo o equipo de Komic Librería segue gozando".
Ademais, Xosé Barreiro mostrou a súa firme intención de seguir ao pé do canón "custe o que custe, porque a figura do libreiro, tanto nas sociedades pasadas, coma na actual ou nas futuras, é necesaria e imprescindible".
Palmarés da XXII Edición dos Premios Irmandade do Libro
Fomento da lectura:
Galicia Encantada (www.galiciaencantada.com)
Libro do ano 2012:
A noite branca, de Francisco Fernández Naval
Obra editorial do ano 2012:
Colección Guías da Natureza, de Baía Edicións
Libraría:
Kómic Librería
Centro de ensino:
C.E.I.P. Quintela de Moaña
Autor/a do ano:
María Xosé Queizán
Premio de honra:
Antonio Fernández Maira