Komic Librería propón un paseo cheo de letras e viñetas para celebrar o Día do Libro
Hoxe, 23 de abril, en conmemoración do pasamento de dous xenios literarios como foron Cervantes e Shakespeare, celebramos o Día Internacional do Libro, unha das creacións humanas máis marabillosas e soporte básico de dúas artes fundamentais coma son a literatura e a banda deseñada. Dende Komic Librería queremos facer a nosa persoal achega a esta festa da lectura, polo que, ademais do tradicional desconto do 10%, convidámosvos a acompañarnos nun paseo cheo de letras e viñetas que agardamos sexa da vosa interese.
Moitas e moitos lembraredes, nas vosas primeiras lecturas, aquelas versións que, en coleccións como Historias Famosas ou Joyas Literarias, a editorial Bruguera publicaba de grandes novelas, sobre todo de aventuras. Para facelas máis atractivas ao público xuvenil mesturaban os textos clásicos coas súas versións en historieta, e deste xeito puidemos ler obras como Robinson Crusoe, Os Tres Mosqueteiros ou A Volta ao Mundo en 80 días.
Do mesmo xeito que estas novelas non pasan de moda, tampouco o fan as súas adaptacións á banda deseñada, e dende hai uns anos podemos deleitarnos coas novas versións destas e doutras obras, cunha linguaxe, tanto no debuxo como na narrativa, máis moderna que a dos clásicos da nosa infancia e mocidade. A editorial SM aposta dende hai anos por esta formula, e da man de autores e autoras actuais, como David Rubín, Chistophe Gaultier, Jorge González ou Emma Ríos, ten publicado un gran número de clásicos literarios, tanto españois como universais.
Norma, pola súa banda, vén de editar catro das novelas máis importantes de Sherlock Holmes a través dos ollos de Edginton e Culbard.
E mesmo a todopoderosa Marvel presentou as súas propias versións de obras como a Odisea, Moby Dick ou El mago de Oz, empregando o estilo gráfico característico dos cómics de superheroes.
Pero non só de Verne ou Conan Doyle vive a bd máis narrativa. De feito, se hai dous escritores que espertan especial interese no mundo da viñeta son, sen dúbida algunha, Franz Kafka e H.P. Lovecraft. Da obra do autor checo temos La metamorfosis (Astiberri), adaptada por Peter Kuper, ou América (La Cúpula), feita por Daniel Casanave, pero recomendamos especialmente Kafka, tamén editado por La Cúpula, un ensaio de David Zane no que disecciona a súa vida e obra, e ao que lle acae como unha luva as ilustracións de Robert Crumb.
E sobre Lovecraft, entroutras cousas, destacamos especialmente Los mitos de Chtulu (Sins Entido), onde o arxentino Alberto Breccia plasma en debuxos a febril e terrorífica imaxinación do escritor estadounidense, e tamén dúas obras máis recentes que están a gustar moito: En las montañas de la locura (Sins Entido), de Culbard, e Desde el más allá, realizado por Erik Kriek e publicado por La Cúpula.
O certo é que o espectro de xéneros e temáticas que deron o paso da literatura á arte secuencial é amplo e variado. Obras de toda época e estilo teñen cabida nesta listaxe, e moitas veces a visión que destas novelas nos ofrecen os seus autores enriquecen o texto orixinal e mesmo acadan novos horizontes e valor de seu. Bo exemplo disto son os relatos de Bukowski que convertíu en bd Schultheiss e publicou La Cúpula, ou La ciudad de cristal (Anagrama), onde Paul Karasik e David Mazuchelli toman a novela de Paul Auster para crear unha obra intensa e magnífica, como tamén o é a fermosa recreación do cumio da narrativa estadounidense De ratones y hombres (Norma) que fai Pierre-Alain Bertola.
Máis recentemente Rayco Pulido, da man de Astiberri, realizou en Nela unha sorprendente adaptación do clásico galdosiano Marianela, e o dúo creativo formado por Polls e Sempere atreveuse con todo un señor Shakespeare en Macbeth (Norma).
Dous dos máis destacados escritores existencialistas do século XX, Albert Camus e Fiódor Dostoyevski, teñen o seu lugar neste olimpo da viñeta literaria con El huésped e El jugador, adaptadas respectivamente por Jacques Ferrandez e por Miquel e Godard.
Antonio Seijas trasladou á novena arte a coñecida novela de Agustín Fernández Paz Cartas de inverno (Xerais), e El Patito publicou a versión gráfica de dúas das novelas de Agatha Christie protagonizadas polo groso e sagaz Hercules Poirot: Os catro grandes e Morte no Nilo.
O debuxo cativador e delicado de Enrique Corominas converte o seu Dorian Gray (Diábolo) nunha obra de arte que encantaría ao mesmiño Óscar Wilde. E como non falar da estupenda versión de El Hobbit (Norma) escrita por Chuck Dixon e debuxada por David Wenzel, onde captan á perfección a esencia da novela de Tolkien, ou a que nos achega Tim Hamilton sobre un dos relatos nos que o noso homenaxeado de hoxe ten máis protagonismo, Fahrenheit 451, onde Ray Bradbury presenta unha sociedade autoritaria baseada no pensamento único e onde os libros están prohibidos.
Pero aínda hai máis: dende hai un tempo a literatura foise facendo cun lugar privilexiado dentro do xénero biográfico na banda deseñada, e son xa numerosas as figuras que teñen a súa vida plasmada a través de viñetas. O máis recente, Gabriel García Márquez, de quen fala Óscar Pantoja en Gabo, memorias de una vida mágica (Sins Entido), apoiado no debuxo de Miguel Bustos, Felipe Camargo, Tatiana Córdoba e Julián Naranjo.
Neste eido podemos incluír tamén á obra gañadora do último Premio Nacional de Cómic, Dublinés (Astiberri), un completísimo achegamento á vida de James Joyce da man de Alfonso Zapico, Pessoa y Cia. (Luces de Gálibo), onde Laura Pérez Vernetti adapta con agarimo os poemas e a vida do poeta lisboeta, ou La huella de Lorca (Norma), a reconstrucción que fan El Torres e Carlos Hernández da vida do artista andaluz a través dos testemuños de aqueles que o coñeceron.
E é que a biografía é un complemento axeitado para afondar e entender mellor aos escritores e escritoras, sobre todo cando as súas vidas son tan controvertidas como no caso de Virginia Woolf, que chega a nós na novela gráfica homónima realizada por Michèle Gazier e Bernard Ciccolini e publicada por Impedimenta, ou no dos escritores beatniks (Kerouac, Ginsberg e Burroughs) descritos por Harvey Pekar e Ed Piskor en The Beats (451).
E, por suposto, non podiamos rematar este percorrido sen falar de Titoán e O pobre tolo (Demo Editorial / Komic Librería), nas que Inacio e Iván Suárez mostran diversos momentos da vida de Castelao e que @s komiqueir@s habituais coñecedes ben, e de Breve encontro (Xerais), a fermosa biografía que Jacobo Fernández fixo sobre Lois Pereiro.
Ata aquí chegamos, moitísimas grazas por acompañarnos neste paseíño, agardamos que fora do voso agrado e, sobre todo, que teñades un feliz Día do Libro e felices lecturas para tod@s!