Selección Especial Día do Libro: Top Xéneros de Komic Librería

Los combates cotidianos


Hoxe, conmemorando a data do pasamento de Miguel de Cervantes e William Shakespeare, celebramos o Día do Libro, unha boa ocasión para lanzarse a descubrir e gozar de novas lecturas. Para axudarvos nesta busca, propoñémosvos un percorrido polos principais xéneros do mundo da banda deseñada, destacando o título que consideramos máis sobresaínte en cada un deles. Agardamos que resulte do voso interese, e non o esquezades: durante toda esta xornada, podedes beneficiarvos dun 10% de desconto nas vosas compras de libros en Komic Librería.


AVENTURAS

Los pasajeros del viento
François Bourgeon
Ediciones 12Bis

Los pasajeros del viento

Unha auténtica obra mestra en cinco volumes recollidos nun álbum integral onde o documentadísimo e preciso debuxo de Bourgeon conta as aventuras de Isa, unha moza ousada e atrevida, a finais do século XVIII. Do Caribe a Inglaterra e de alí a África, esta rapaza rebélase contra o papel que a sociedade da época outorgaba as mulleres e contra a escravitude.


WESTERN

Blueberry
Charlier / Giraud
Norma Editorial

Blueberry

Este pistoleiro e aventureiro na América do século XIX é, por méritos propios, un dos grandes mitos da bd europea. Creado hai máis de 50 anos, as súas aventuras van da Guerra de Secesión aos acontecementos de O.K. Corral, mesturando ficción e realidade cunha mestría absoluta, acompañadas do magnífico debuxo de Jean Giraud 'Moebius', e que a día de hoxe seguen vivas para deleite dos seus lectores e lectoras.


XÉNERO HISTÓRICO

Murena
Jean Dufaux / Philippe Delaby
Planeta DeAgostini Cómics

Murena

Ambientada na Roma de mediados do século I, esta serie de, ata o momento, nove tomos, ten como fío condutor a Lucio Murena, amigo de mocidade do emperador Nerón, e nela vemos representadas de maneira moi documentada as distintas intrigas e as loitas polo poder no corazón do Imperio Romano.


UNDERGROUND

Palomar
Beto Hernández
Ediciones La Cúpula

Palomar

Como se dun Macondo en viñetas se tratara Beto traza nesta serie, procedente da publicación dos irmáns Hernández Love and Rockets, o retrato de Palomar, unha vila mexicana fronteiriza que contén todo un universo de variopintos personaxes, entre os que destaca a gran matriarca Luba. Realismo máxico descarnado nesta obra imprescindible.


XÉNERO NEGRO

RG
Frederik Peeters
Astiberri

RG

O autor suízo volve dar no cravo con esta obra policíaca na que nos achega o día a día dun axente dos servizos secretos franceses. Realismo moi ben documentado e mellor narrado, cun ritmo tremendo, no que os recursos expresivos de Peeters fan que te metas realmente na pel do protagonista. Dous tomos moi recomendables.


MANGA

Barrio Lejano
Jiro Taniguchi
Ponent Mon

Barrio Lejano

¿Quen non soñou algunha vez con volver a ter quince anos cos coñecementos que se teñen de adulto? De xeito sinxelo e crible o xenial mangaka recrea co seu estilo habitual, reflexivo e sosegado, esta situación nun álbum integral que é un deses libros que nunca decepcionan.


CIENCIA-FICCIÓN

El Incal
Jodorowsky / Moebius
Norma Editorial

El Incal

Unha das pezas angulares da ficción científica e do cómic de todos os tempos, a viaxe iniciática do detective John Difool contada coa narrativa metafísica de Alejandro Jodorowsky e o impresionante debuxo de Moebius. Fundamental.


REPORTAXE DOCUMENTAL

Gorazde
Joe Sacco
Planeta DeAgostini Cómics

Gorazde. Zona protegida

A guerra civil iugoslava na Bosnia de mediados dos noventa, contada a través das voces de aqueles que a viviron en primeira persoa. Unha das bandas deseñadas máis duras e impactantes pero ao mesmo tempo máis necesarias.


REALISMO SOCIAL

Los combates cotidianos
Manu Larcenet
Norma Editorial

Los Combates Cotidianos

Unha historia sinxela e existencialista, con trazos autobiográficos, onde Larcenet afonda nos pequenos (e grandes) problemas que todas e todos pasamos coa chegada da madurez. Dúbidas, compromisos, triunfos e derrotas nun tomo integral que recolle os catro volumes orixinais deste relato realista e tremendamente próximo.


FANTASÍA ÉPICA

La Búsqueda del Pájaro del Tiempo
Le Tendre / Loisel
Norma Editorial

La Búsqueda del Pájaro del Tiempo

A procura dun animal de lenda que é a única opción para salvar un mundo máxico é o argumento principal deste gran clásico da bd europea, agora por fin reeditado para que novas xeracións poidan gozar coas aventuras da princesa feiticeira Mara e do vello guerreiro Bragon nunha viaxe chea de acción e maxia.


BIOGRÁFICO

Modotti
Ángel de la Calle
Sins Entido

Modotti

A fascinante vida da pioneira da fotografía Tina Modotti, unha muller que desafiou as convencións da súa época e foi militante política, musa, amante e creadora no primeiro tercio do século XX, en contextos tan recoñecibles coma o México de Frida Kahlo e Diego Rivera. Unha magnífica biografía gráfica na que o autor intercala a investigación realizada a tal efecto cos episodios máis salientables da traxectoria da famosa fotógrafa, nun relato denso e moi interesante.


SUPERHEROES

Watchmen
Alan Moore / Dave Gibbons
ECC Ediciones

Watchmen

Un xigantesco quebracabezas armado coa precisión dun reloxio sería unha boa definición para esta obra mestra coa que Alan Moore reinventou o xénero superheroico, mesturándoo co thriller político e o xénero negro, dotando aos xustizeiros enmascarados dun realismo e unha profundidade nunca vistas ata entón, creando un mundo propio non moi afastado do noso nesta serie mítica que máis de vintecinco anos despois da súa publicación segue a abraiar a quen se achega a ela.