Día das Letras Galegas 2014: Viñetas para todas e todos

Castelao. O pobre tolo


O sábado, coma cada 17 de maio dende hai 51 anos, celebramos o Día das Letras Galegas, e con fachenda vemos como cada vez son máis os títulos de banda deseñada dispoñibles en galego, ben feitos por autores e autoras de aquí, ben traducidos de clásicos estranxeiros. E o mellor de todo é que agardamos que este número non deixe de medrar. Polo momento, aquí vos deixamos as nosas suxestións para os distintos tipos de lectores e lectoras que adoitan visitar Komic Librería...


Para @s máis cativ@s

Marcopola, a illa remeiraMarcopola, a illa remeira
Jacobo Fernández Serrano
Xerais

As imaxinativas aventuras de Marcopola, unha illa que un bo día decide ir explorar novos mares onde fará novos amigos e vivirá unha chea de emocionantes acontecementos.


Para a xente nova con ganas de explorar

Silvana, a filla do exploradorSilvana, a filla do explorador
Ramón Marcos / Jorge Castelli
El Patito Editorial

A nosa protagonista é unha espilida e rebuldeira rapaza, filla dun famoso explorador, que vive grandes aventuras nos dous tomos que ata o de agora foron publicados desta serie.


Para @s amantes do xénero histórico

Os lobos de MoecheOs lobos de Moeche
Manel Cráneo
Demo Editorial

Unha boa mostra da bd histórica galega é o que nos achega o polifacético Manel Cráneo nesta obra, onde aborda as revoltas irmandiñas que se viviron en Galicia no século XV.


Para @s que queren coñecer outras realidades

PersépolePersépole
Marjane Satrapi
Rinoceronte Editora

Unha das obras máis salientables da bd europea dos últimos tempos, nunha gran tradución á nosa lingua, onde a autora conta a súa infancia e adolescencia en Irán, un país que pasou de estar socialmente moi avanzado nos setenta a xusto o contrario nos anos seguintes.


Para @s que queren celebrar o Día das Letras con letras

Lois Pereiro. Breve encontroLois Pereiro. Breve encontro
Jacobo Fernández Serrano
Xerais

A biografía gráfica do poeta monfortino, dende o seu nacemento ata o seu pasamento, con especial atención aos seus poemas e ás súas influencias, escrita e debuxada de xeito maxistral e con moitísimo agarimo por Jacobo Fernández.


Para as persoas adultas que non deixaron de soñar

ArdalénArdalén
Miguelanxo Prado
El Patito Editorial

Unha obra preciosa e poética sobre os mecanismos da memoria, cos estilos pictórico -no gráfico- e realista máxico -no narrativo- característicos de Miguelanxo Prado.


Para a xente nova con moita formación
pero poucas expectativas de emprego

Punto de FugaPunto de Fuga
Miguel Cuba
Demo Editorial

As dificultades que ten un licenciado cunha extensa formación para integrarse no mercado laboral nunha obra realista, fresca e optimista ambientada en Santiago.


Para quen queira saber máis sobre
un dos nosos maiores xenios

Castelao. O Pobre ToloColección Castelao
Inácio / Iván Suárez
Demo Editorial / Komic Librería

A vida e obra do ilustre humanista rianxeiro, moi ben documentada e estruturada por Inacio e plasmada fermosamente co debuxo de Iván. Ata o de agora sairon do prelo tres tomos autoconclusivos -Titoán, O pobre tolo e Máis alá!- tratando distintos momentos da súa biografía. Unha lectura moi agradable e mesmo necesaria.


Para @s que aman o xénero negro

Os días do cometaOs días do cometa
Manolo López Poy / Miguel Fernández
Demo Editorial

Tras o éxito da súa primeira obra xuntos, O fillo da furia, este tándem creativo lugués cativounos con todo un thriller ambientado na Galicia rural de mediados dos oitenta onde se mesturan intrigas políticas, axustes de contas e acción cun ritmo trepidante.


Para @s clásic@s con bo gusto

Contrato con DeusContrato con Deus
Will Eisner
Rinoceronte Editora

Unha das mellores obras dun dos autores capitais na historia da novena arte, que nas catro historias que forman este tomo reproduce como era a vida na Nova York de inicios do século XX, cunha elegancia e unha mestría tremendas.


Para @s interesad@s no xénero documental

GorazdeGorazde
Joe Sacco
Rinoceronte Editora

Sacco, correspondente de guerra na guerra que asolou os Balcáns nos noventa, dálle voz á xente que coñece durante a súa estadía pola ex-Iugoslavia, construíndo un relato denso e duro, pero moi necesario.


Para @s nen@s de 8 a 99 anos

Fiz nos biosbardosFiz nos biosbardos
Kiko Da Silva
BD Banda

Fiz é un neno normal, totalmente normal, normaliño de todo... se exceptuamos as súas grandes habilidades escatolóxicas, como o seu dominio no arte de modelar os mocos ou a gran relación de amizade que traba coas súas propias deposicións... Divertidísima obra que tras varios anos esgotada volve aos nosos andeis coa frescura e o humor de sempre.