Komic Librería celebra o seu vinte e cinco aniversario

25 Aniversario de Komic Librería


Texto: Pachu M. Torres
Foto: Miguel Muñiz
abc.es

"Non era a miña vocación ser comerciante, máis ben tiña inquietudes artísticas (pictóricas, musicais...) pero era un mozo coa cabeza moi dispersa, sempre estaba a cambiar de cousas que facer. En setembro do 86 Ana Manteca e eu fixémonos noivos e veuse comigo a unha aventura forestal en Mallorca. Cando volvemos no 87, o meu pai viu este negocio (que por entón era un quiosco) sendo traspasado e nos induciu a traballar nel como só os pais saben facer".

Así narra Pío (Xosé Barreiro) a orixe de Komic, a primeira libraría especializada en cómics de Galicia. Vinte e cinco anos despois, a libraría cambiou tras algunhas reformas, pero dentro seguen conservándose os mundos de historias que alí chegaron. Centos de páxinas en bibliotecas visibles e invisibles que dan noticia de tantas outras existencias. Presentía que o diálogo que ía ter con Pío e Ana ía ser o principio dunha longa e interminable memoria, porque pasados todos estes anos seguen rodeados de contos coloridos, que tanta vida esconden e que eles tan vívidamente recordan.

Imaxinábades por aquel entón que chegariades a ser unha libraría de referencia en toda Galicia?

Daquela non tiñamos claro que estariamos nin 25 anos nin 4 meses no negocio, e aquí nos tes. O único claro que tiñamos era querer vender cómics, porque eu era moi afeccionado. Abrimos por primeira vez o luns 4 de maio do 87 e en xuño tivemos que pechar o local para reformalo, porque era moi cutre.

Así que o acondicionamento do local propiciou a especialización na venda de cómics...

O principal concepto aquí era vender cómics, si, sobre todo porque non tiñamos nin idea de negocios nin de mercado (risas). Por aquel entón non había moitas librarías especializadas e todas as revistas se vendían en quioscos, xa que os editores tiñan as canles de distribución orientadas a eles, así que empezamos con ese tipo de negocio por necesidade. Pero o primeiro ano viaxei a Barcelona, contactei con todas as editoriais e o que impulsou a este negocio foi que conseguín a distribución das editoriais que existían daquela, agás Norma Editorial e Planeta de Agostini. Así que 5 anos despois nos especializamos e só vendemos cómics, o cal foi a clave do éxito na nosa libraría, xa que a mercadoría non duraba nada en tenda.

Dende entón viviron un gran número de anécdotas que non hai espazo para reproducir pero darían para toda unha novela. Devoraban durante esta entrevista o seu propio pasado con simpáticas e detalladas declaracións ata chegar a hoxe en día, onde se encontraron con dúas preocupacións: a crise e o libro dixital.

O mercado do libro dixital para o negocio do cómic non o vexo como unha competencia (polo momento) que nos preocupe. Todo o mundo sabe que España sempre vai máis lenta que o resto do mundo para todo, e con isto da tecnoloxía tamén. Os editores ven o libro dixital máis como unha competencia que como unha parte do negocio. E a experiencia que hai de Francia foi nefasta: as descargas foron un fracaso total. Así que aquí en España eu non digo que non sexa un negocio, porque hai cambios editoriais e de mercado constantes. Quizais en 5 ou 10 anos pode haber unha xeración que acepte como algo natural o formato dixital. En canto á crise, xa non é só agora mesmo, é unha sensación que teño dende fai xa uns anos. Unha cousa está clara: se levantas o pé do acelerador un pouco, o coche se para. Hoxe en día hai que estar enriba do negocio como nunca, controlalo todo ata o mínimo detalle. Estar moi concentrado e non deixar de pisar o acelerador. É o único xeito de que isto vaia ben. Febreiro foi un mes moi bo para nós sendo de toda a vida un dos peores en canto a vendas. Marzo foi un mes decente, abril está a ser un mes moi bo... e teño claro que se debeu ao esforzo, á actividade que temos ultimamente: firmas de autores, o aniversario, a presenza nos medios, a edición de libros...


Castelao. O pobre tolo

A edición de libros é unha fronteira nova para ti. Como xurdiu a idea de editar o cómic "Castelao: O Pobre Tolo"?

Moi doado, Iván Suárez (debuxo) ensinoume a primeira versión de "Titoán" e tan pronto o vin tiven a sensación de que estaba ante algo grande. A súa obra anterior, "Rara Avis", xa me gustara moito, pero a súa evolución gráfica coa limpeza do trazo (provocada en parte pola présa coa que fixo este "Titoán" nun só mes) e lixeireza narrativa, encantoume. Tal é a calidade da historia que un día, reunido con Ignacio Vilariño (guión), me ofrecín a financiar a obra e a impulsala, sen facer números sequera. Que aconteceu? Que presentaron "Titoán" ao premio Castelao e o gañaron. Así que o seguinte paso foi buscar editor. Falamos con Manel Cráneo (Demo Editorial), unha persoa con grande experiencia neste campo e tras varias reunións decidíronse os autores a publicar connosco.


Castelao. O pobre tolo

Podes adiantar algo sobre este "Castelao: O Pobre Tolo"?

A historia dividirase en 8 tomos. Nós empezaremos publicando o segundo, aínda que me tivese gustado poder publicar antes o primeiro ("Titoán"), porque este segundo tomo ten unha lectura bastante máis esixente: está ambientado a finais do 34 e remata en pleno estalido da Guerra Civil, así que nos encontramos ante un Castelao máis maduro, cunhas implicacións histórico-políticas que pesan moito máis na obra. Se analizas o anterior volume, móstrase máis o carácter de potencial intelectual e humanista que vai desenvolver Castelao, pero para nada o seu aspecto político. En cambio aquí, polo momento en que está ambientado, é inevitable. Non imos dicir que hai un compoñente político predominante na obra porque do que máis se fala é da súa sensación de vivir en Badaxoz. Pero a lectura, como xa dixen, é máis esixente: custa máis meterse na historia. Ao mellor durante as 10 ou 12 primeiras páxinas o lector, a nivel narrativo, está a esperar a ver por onde van os tiros. Xa digo, non é unha narración ao uso, convencional, ten tinguiduras surrealistas e sobre todo ten unha sutileza especial e persoal; un xeito de contar diferente a calquera outra cousa que leses. Realmente vese máis afianzados ao guionista e ao debuxante neste libro, vese que pisan cun paso máis firme e denótase a cada páxina que se pasa.


25 Aniversario de Komic Librería

A publicación deste cómic enmárcase dentro da celebración do 25 aniversario da tenda. Que outros actos están previstos?

A miña idea de aniversario sempre foi realizar unha exposición. Este ano queriamos traer a un autor franco-belga para iso, pero por diversos avatares non puido ser e suplimos esa actividade cunha batería de eventos de moito peso (aínda que non descartamos que esa exposición se acabe facendo). Así que o 3 de maio presentaremos na libraría "O Pobre Tolo", o venres 4 inaugurarase unha exposición sobre a obra e o 11 de maio a traca final correrá a cargo do concerto de Banda Aparte e Sweet Vandals. Banda Aparte (grupo ao que pertenzo) leva tres anos cunha formación consolidada, orientada á música negra pura (soul, rhytm&blues e funk), e ten unha solidez contrastada. Sweet Vandals, pola súa banda, é o mellor grupo español deste estilo (cunha gran proxección fóra de España). Esperamos moita asistencia ao concerto, e cabe dicir que todos os autores de cómic están invitados a el. Só teñen que pasar pola libraría a recoller a entrada. É unha festa do cómic, e por iso, están todos invitados. Os mestres de cerimonias, nesta ocasión, serán David Rubín e Manel Cráneo, ambos os dous ilustradores profesionais.