Komic Librería celebra 25 anos como referente da banda deseñada en Galicia
Texto: Alberto Ramos
praza.com
"No momento en que abrín a tenda, non contaba con chegar a falar dun 25 aniversario". Cando os calendarios van fuxindo e os lustros acaban por sumar cifras redondas, a memoria bota a andar. E Xosé Barreiro, propietario da histórica Libraría Komic de Santiago, mergúllase este ano nos recordos. A memoria, como a cabeza, non para e Barreiro lembra nitidamente como o 4 de maio de 1987 se fixo cargo dun vello quiosco no número 34 da Rúa San Pedro de Mezonzo. "Antes fora unha froitería dos Fandiño, unha coñecida familia de Santiago. O aspecto que conservaba o local era o propio dos anos sesenta", rememora o propietario de Komic, que neste 2012 conmemora os seus 25 anos de vida.
Un
cuarto de século no que o establecemento se converteu nun referente en
Galicia para os seguidores da banda deseñada. "Non contaba con falar do
25 aniversario. Non tiñamos esa perspectiva. Entramos no local e a ver
como ía. Uns meses, un ano... Non pensabamos chegar até aquí", lembra o
dono de Komic, que xa anda a ultimar os detalles dos festexos, que se
celebrarán na primeira quincena de maio e incluirán un concerto na Sala
Capitol o 11 de maio, a publicación en colaboración con Demo dun álbum
sobre Castelao de Inacio Vilariño e Iván Suárez e unha mostra cos
orixinais desta obra, que se titulará Castelao: O pobre tolo.
Eses
son as principais celebracións nas que Xosé Barreiro está a traballar a
pesar de que, en 1987, non contaba con celebrar as vodas de prata como
libreiro. "Non otiña en mente. Non era a miña vocación ser comerciante.
Tiña experiencia no trato co público, porque meu pai era tratante de
gando e tiña unha carnicería na que traballei. Apareceu o local de San
Pedro de Mezonzo e fixémonos cargo del a miña muller, Ana Manteca, e
mais eu. Somos os dous copropietarios dende o principio. A tenda é dos
dous", explica Barreiro, que na actualidade rexenta o negocio na compaña
da súa esposa e de Xaime Lis, o "mellor empregado" que tivo nestes 25
anos.
O 4 de maio de 1987 entraron na tenda e, no verán,
pechárona por obras, para adecuar o espazo aos novos usos que se
buscaban. En agosto dese ano reabriron xa co nome de Komic, cun logotipo
realizado por Xosé Cobas a modo de agasallo e iniciaron o longo camiño
cara á especialización. Comezaron así a ofrecer produtos de banda
deseñada a unha clientela que existía, pero que carecía de puntos de
venda de referencia. "A editorial Bruguera chegou a vender un millón de
cómics á semana, toda España lía cómic. Eu crieime con eses cómics. E
nos oitenta veu a explosión das revistas. Había público agardando. E nós
pensabamos, xa dende o principio, en crear unha libraría para cómic.
Pero a consolidación tardou moito", lembra.
A consolidación
tardou en chegar e, nun primeiro momento, Komic vendeu prensa e material
de libraría. A prensa foi durante cinco anos parte dos ingresos, pero
chegou un punto en que decidiron parar cos xornais. Iniciábase así a
especialización. Durante moitos anos, ademais, os responsables desta
libraría dedicáronse a distribución. "Viaxaba moito a Barcelona para
coñecer as editoriais, traballar con elas e durante quince anos
traballamos como distribuidora. Era outra forma de consolidar a tenda e
abastecíamos o resto de librarías de cómic que, pouco a pouco, foron
aparecendo en Galicia", sinala o propietario de Komic, quen chegou a
traballar con todas as editoras que existían daquela: Norma, Zinco, New
Comic, Planeta, Toutain, Eurocomic ou La cúpula. "De todas esas, só
seguen vivas Norma, Planeta e La Cúpula", aclara.
O público e maior presenza feminina
Tras
25 anos satisfacendo as necesidades dos amantes do cómic, Xosé Barreiro
viu medrar varias xeracións de lectores. O público mudou moito dende
1987. Cambiou, ampliouse, evolucionou. O dono de Komic comprobouno ao
outro lado do mostrador. Non obstante, pese ao paso do tempo, a masa
lectora daquela época segue presente. "O público de sempre non se
perdeu, segue aí. Os compradores do cómic son coleccionistas e iso segue
a ser un trazo destes lectores. Pero co paso do tempo, gañouse outro
público que vén do libro. Temos polo tanto o público tradicional, o de
sempre, e o novo público que chegou ao mundo do cómic a través do que se
chama novela gráfica, un termo que non deixa de ser unha etiqueta",
reflexiona o libreiro.
Esa evolución da masa lectora tamén
incluíu un aumento do público feminino. Cando Komic botaba a andar no
ano 87, a inmensa maioría dos clientes eran homes. "O público feminino é
máis grande, moito máis amplo do que era. A estas alturas pódese dicir
que se equiparou. Mesmo poderíase dicir que son agora máis mulleres as
que entran na tenda. Hai vinte anos non era así. As mulleres interésanse
moito máis pola banda deseñada, tamén len máis agora que os homes e
nestes anos xurdiron máis autoras, como a de Persépole", sinala
Barreiro, que tamén é coñecido polo alcume de Pío.
A crise
"Nós
comezamos nun momento de optimismo económico. Era máis fácil vender
daquela do que resulta hoxe. O público estaba alí e nese momento éramos
os únicos que ofrecían banda deseñada". Así lembra Barreiro os comezos
de Komic nunha época ben diferente á que vivimos na actualidade. A crise
é omnipresente e todos os sectores reciben os duros golpes do colapso
económico. As industrias culturais son as vítimas de recortes e da
contracción do consumo. O negocio da banda deseñada tamén está a sufrir
os paus, mais conta cunha resistencia maior que outros sectores da
cultura ou da edición. Unha clientela de menor tamaño, pero moi
fidelizada ofrece unha marxe que outros non teñen.
Pero as
dificultades claro que se notan. "Estamos nun momento baixo, as vendas
caen. A temporada máis forte é entre setembro e decembro. E o ano pasado
houbo finais de mes moi malo e durísimos en outubro ou en novembro. O
mellor ano foi 2008 e, dende aquela, todo foi baixar", admite Pío, aínda
que matiza que o sector aguanta mellor ca outros. "Nós baixamos en tres
anos o que outros baixaron só nun", conclúe.
As malas cifras
agroman nos libros de contabilidade de calquera negocio. A crise está
moi presente e atenaza calquera movemento. Barreiro non imaxinaba
celebrar o 25 da libraría cando abriu a tenda e, seguramente, nese
momento inaugural tampouco se lle pasou polo maxín que as cousas se
porían tan costa arriba nun futuro que xa padecemos. "Sempre hai
nostalxia nas celebracións, pero quizais a nostalxia máis forte é a do
optimismo", conclúe o libreiro.
Komic coeditará con Demo unha serie de banda deseñada sobre Castelao
Xosé
Barreiro ten unha longa experiencia como libreiro e como distribuidor,
pero a edición foi un ámbito polo que non transitara antes. Até agora,
xa que Komic Libraría celebrará este 25 aniversario coeditando -xunto a
Demo- unha serie de banda deseñada sobre Castelao. Os autores son Iván
Suárez e Inacio Vilariño, que gañaron en 2010 o Premio Castelao de Banda
Deseñada con Titoán, obra que se centraba na figura do autor de Sempre
en Galiza.
Demo e Komic editarán e presentarán en maio a que será
a segunda parte dese Titoán."É unha obra de altísimo nivel, cunha gran
calidade. Púxenme en contacto con Manel Cráneo [de Demo] e decidimos que
había que publicala para maio. Titularase Castelao: O pobre tolo e
centrarase no desterro a Badaxoz", adianta Xosé Barreiro.
A
presentación da obra terá lugar na primeira quincena do mes de maio e
coincidirá cunha exposición no Centro Sociocultural do Ensanche de
Santiago. A mostra, que será outra das grandes celebracións do 25
aniversario, reunirá os orixinais do libro de Vilariño e Suárez.
"Soa a tópico, pero é verdade: somos unha potencia en banda deseñada"
Dende
o outro lado do mostrador, Barreiro puido ser testemuña de excepción da
evolución do público, pero tamén dos autores. Dende o seu punto de
vista, o éxito que se viviu na banda deseñada veu en gran parte dos
creadores. "As vendas e o éxito que puidemos ter os libreiros coa banda
deseñada foi realmente un éxito dos autores. Se non houbese bos
creadores, non tería aumentado o público nin se vendería o que se
vende", sentenza o responsable da libraría.
No caso do panorama
galego, o libreiro considera que nos atopamos ante unha xeración única e
dunha calidade pouco frecuente en todo o estado. "Álvaro Pons, que é un
crítico esencial, afirma que non se vía un fenómeno como o desta
xeración de autores galegos dende a de Barcelona dos oitentas, coa
revista El Víbora. Sei que soa a tópico, pero é verdade: somos unha
potencia en banda deseñada", admite ás claras.
Sobre esa xeración
de autores galegos, Xosé Barreiro destaca a importancia que tiveron os
colectivos como BD Banda ou Polaqia, que aglutinaron na última década
moitos autores galegos. "Todos os que participaron en Polaqia viven de
traballos relacionados co deseño, coa ilustración ou a banda deseñada",
salienta o libreiro, quen tamén destaca a importancia do despegue do
libre ilustrado, con editoriais como Kalandraka. Non obstante, neste
sector atopa un gran pero. "Séguese a pagar máis ao autor do texto que
ao ilustrador, cando é un libro que mercas polo deseño e o aspecto",
conclúe Pío, deixando ver que aínda hai moito traxecto por diante para
un sector aínda por consolidar en Galicia.