Top 10 Especial Día do Libro 2015 (I): Adaptacións de obras literarias

Top 10 de Komic Librería


Como xa sabedes, mañá celébrase o Día do Libro e, para honrar unha data tan sinalada, en Komic Librería decidimos preparar algo especial, como xa fixemos anteriormente. Neste caso propoñémosvos dous Top 10: un dedicado ás adaptacións literarias e outro ás biografías de escritores e escritoras. Para que non vos empachedes, empezamos hoxe coas adaptacións: agardamos que vos resulten interesantes.


10

El Fantasma de la ÓperaEl Fantasma de la Ópera
Christophe Gaultier
Impedimenta

O estilo dinámico, moderno e escuro deste historietista, que xa adaptara Robinson Crusoe, vaille que nin pintado a esta obra de Gaston Leroux sobre a historia dun ser misterioso que aterra á Ópera parisina para atraer a atención dunha cantante da que está namorado.


09

El Gran GatsbyEl Gran Gatsby
Stéphane Melchior-Durand / Bachelier
Norma Editorial

Reinterpretación do clásico de Francis Scott Fitzgerald sobre a tráxica historia de amor do millonario e misterioso Jay Gatsby, un relato a ritmo de jazz cun estilo gráfico precioso.


08

El sabueso #1: St Mary's RibbonEl sabueso #1: St Mary's Ribbon
Jiro Taniguchi
Ponent Mon

O noso mangaka preferido adapta esta novela de Itsura Inami sobre un detective moi particular, especializado en atopar cans perdidos, concretamente cans de caza. Podedes atopar máis información aquí.


07

NelaNela
Rayco Pulido
Astiberri

A tráxica historia de Marianela, unha rapaza pobre e fea, e de Pablo, un cego de nacemento namorado dela, constitúe un dos títulos máis coñecidos de Benito Pérez Galdós. O canario Rayco Pulido, cun excelente traballo, pasa a novela á viñeta modernizando este relato clásico.


06

Los espíritus de los muertosLos espíritus de los muertos
Richard Corben
Planeta Cómic

Este historietista estadounidense, un dos nomes máis clásicos do cómic de ciencia-ficción e de terror, plasmou co seu característico debuxo numerosos contos de Edgar Allan Poe. O seu estilo artístico casa perfectamente coas narracións do autor de O corvo, o que podedes aprezar nesta escolma de todas estas adaptacións.


05

El corazón de las tinieblasEl corazón de las tinieblas
Miquel / Godart
Norma Editorial

A mítica novela de Joseph Conrad, na que conta a viaxe do mariñeiro Charlie Marlow na procura dun tal Kurtz, o xefe dunha explotación de marfil no Congo colonial de finais do século XIX. Outra estupenda adaptación dunha das obras capitais da literatura universal.


04

El lobo de marEl lobo de mar
Riff Reb's
Spaceman Books

O autor norteamericano Jack London realizou unha das súas mellores novelas de aventuras con este relato onde enfronta a un home domesticado, procedente da civilización, cun ser totalmente salvaxe e animalizado encarnado no capitán do navío que o rescata tras un naufraxio. Magnífica versión en banda deseñada cun debuxo espectacular e un interesantísimo emprego da cor.


03

Moby DickMoby Dick
Jouvray / Alary
Dibbuks

Vén de publicarse a adaptación que desta novela de Herman Melville realizou o francés Chabouté, realmente interesante, pero recomendamos tamén esta versión libre, moi dinámica, obra de Olivier Jouvray e Pierre Alary sobre a teima do capitán Acab cunha gran balea (cachalote) branca, á que perseguirá incansablemente.


02

Cidade de CristalCidade de Cristal
Paul Karasik / David Mazzucchelli
El Patito Editorial

Malia xa estar incluída esta estupenda versión da novela de Paul Auster na nosa selección de 2013, incluímola de novo por mor da súa edición en galego, da que xa vos falamos hai uns meses na nosa páxina.


01

El extranjero
Jacques Ferrandez
Norma Editorial

El extranjero

Posiblemente unha das novelas máis salientables do existencialista francés Albert Camus, maxistralmente adaptada con gran forza. Conta a historia dun home, Mersault, que vive indiferente á realidade por resultarlle esta absurda e inabarcable. Un desafortunado crime levará ao seu procesamento, onde mostrará a súa pasividade e o seu escepticismo.