Selección de cómics recomendados por Komic Librería para celebrar o Día do Libro 2017

Komic Librería: Día do Libro 2017


Desde Komic Librería queremos achegar o noso pequeno gran de area á celebración do Día do Libro, que foi o pasado domingo 23 de abril. Por este motivo vos presentamos 10 títulos editados nos últimos meses nos que a literatura ten unha presenza fundamental, ben por tratarse de adaptacións de obras, ben por ser biografías de autores. Obras de temáticas e estilos variados que constrúen un gorentoso paseo literario que agardamos sexa do voso interese...


Cortázar

Cortázar
Marchamalo / Marc Torices
Nórdica

Feita con moitísimo agarimo e elegancia esta biografía gráfica do admirado e querido escritor arxentino presenta algúns dos episodios máis salientables da súa vida. Un retrato fermoso dun dos nomes fundamentais do boom latinoamericano que non podemos deixar de vos recomendar.


El secreto del Salmo 46

El secreto del Salmo 46
Brian Moriarty / Iván Sende
Diábolo

Nesta interesante e curiosa obra, que xa comentamos na nosa páxina, o ilustrador vedrés Iván Sende ilustra unha conferencia de Brian Moriarty sobre mensaxes agochadas no mundo da arte, e entre os exemplos que presenta ten especial relevancia William Shakespeare (tamén presente noutro título desta selección).


Rulfo, una vida gráfica

Rulfo, una vida gráfica
Óscar Pantoja / Felipe Camargo
Rey Naranjo

Óscar Pantoja, que xa guionizara hai uns anos a biografía en bd de Gabriel García Márquez, plasma a dura vida do autor de Pedro Páramo nunha obra desacougante e árida coma o deserto mexicano, pero sumamente interesante para comprender mellor a este xenial e mítico escritor.


El Horla

El Horla
Guillaume Sorel
Ponent Mon

O arrepiante relato de Guy de Maupassant no que o protagonista é posuído por un ente sobrenatural cobra vida no preciosista debuxo de Sorel, nunha adaptación máis que notable.


El club de la lucha #2

El club de la lucha #2
Chuck Palahniuk / Cameron Stewart
Reservoir Books

O escritor norteamericano Chuck Palahniuk, responsable da novela de culto El club de la lucha, decide empregar o formato da banda deseñada para contarnos a continuación das andainas do sociópata Tyler Durden, nunha secuela que non defraudará aos seus numerosos seguidores.


Camus

Camus
José Lenzini / Laurent Gnoni
Norma

Outro nome ilustre das letras, autor de obras tan relevantes como A peste ou O estranxeiro, protagoniza este libro, que narra a súa vida, dende a súa infancia en Alxeria ata que recibe o Premio Nobel de Literatura en 1957. Escrito por todo un experto na figura de Camus, as súas páxinas transmiten á perfección a luz mediterránea e a esencia dun escritor imprescindible.


El testamento de William S.

El testamento de William S.
Yves Sente / André Juillard
Norma

Unha das parellas protagonistas máis famosas da bd europea, os británicos Blake e Mortimer, regresan cunha nova aventura na que terán que resolver complexos enigmas e sobrevivir a numerosos perigos para chegar ata o final dunha interesante investigación sobre o seu compratiota e literato universal William Shakespeare.


La comedia literaria, de Roldán a Boris Vian

La comedia literaria, de Roldán a Boris Vian
Catherine Meurisse
Impedimenta

Cun aquel moi divertido e xeitoso este libro propón unha viaxe a través da historia da literatura francesa, dende a Idade Media ata mediados do século XX. Malia xirar case na túa totalidade arredor da narrativa o resultado final ofrece un panorama bastante completo contado, ademais, con moita comicidade.


Lorca, un poeta en Nueva York

Lorca, un poeta en Nueva York
Carles Esquembre
Evolution Cómics

Cunha gran documentación e acerto o autor atrévese a pasar ás viñetas a estadía de Federico García Lorca en Nova York no ano 1929, permitíndonos acompañar ao poeta andaluz nunha viaxe trascendental que o marcou sobremaneira tanto a nivel biográfico como poético.


Manolo Prieto, antología de portadas

Manolo Prieto, antología de portadas
VV.AA.
El Patito Editorial

Malia non ser unha banda deseñada cómpre salientar tamén esta fermosa antoloxía que recolle boa parte do traballo de Manolo Prieto como portadista para a revista semanal Novelas y Cuentos. Deseñador gráfico e publicitario, ademais de gran debuxante, este home realizou máis de 600 espectaculares portadas entre os anos 1944 e 1958, nas que mesturaba distintos estilos de xeito minimalista. Este libro selecciona 150 destas obras mestras, especialmente restauradas para a coidada e agradecida edición que nos achega El Patito Editorial.