Lecturas con moita letra para celebrar o Día do Libro 2018

La mujer leopardo


O Día do Libro que, como é tradicional, celebramos o vindeiro luns 23 de abril, é sempre para nós unha data ben especial. Celebramos a existencia dun artefacto marabilloso arredor do cal xira boa parte da nosa vida, tanto polo noso oficio de libreiros como pola nosa condición de lectores e bibliófilos. E, tamén como tódolos anos, desde Komic Librería propoñémosvos unha serie de lecturas relacionadas directamente co libro, coa lectura ou coa literatura que agardamos sexan do voso interese.

O certo é que é bonito, ao botar a vista atrás, ler os artigos escritos para anos anteriores, así que ademais do que vos presentamos hoxe aproveitaremos a vindeira semana para recordar recomendacións pasadas. Lembrámosvos así mesmo que durante toda a xornada do día 23 os libros terán un desconto especial do 10%, unha oportunidade perfecta para facervos con obras desexadas.

E, sen máis, aquí vos deixamos dez títulos moi recomendables: por unha banda cinco excelentes adaptacións de textos literarios á banda deseñada, e por outra cinco relatos nos que a lectura, o oficio de libreiro ou o de escritor teñen especial relevancia e protagonismo.

ADAPTACIÓNS LITERARIAS


El informe de Brodeck

El informe de Brodeck
Manu Larcenet
Norma

Que vos podemos dicir desta obra mestra que non vos teñamos comentado xa? A adaptación da durísima e xenial novela do escritor francés Philippe Claudel atopa no debuxo e no compromiso do noso prezadísimo Manu Larcenet uns aliados perfectos para trasladar esta historia ás viñetas no que, para nós, é xa un dos títulos fundamentais da bd europea contemporánea. Podedes ler máis información sobre ela aquí.


Carvalho. Tatuaje

Carvalho. Tatuaje
Hernán Migoya / Bartolomé Seguí
Norma

Por vez primeira achégase ao cómic unha novela de Pepe Carvalho, o mítico detective creado por Manuel Vázquez Montalbán, e o resultado non podía ser mellor. O guión de Hernán Migoya móstrase tremendamente respectuoso co texto orixinal e captura á perfección a esencia do retranqueiro investigador galego na Barcelona dos anos setenta, mentras que o debuxo de Bartolomé Seguí, un autor en estado de graza, transpórtanos con sobriedade e precisión cara esa época. Un extraordinario exemplo de novela gráfica policíaca.


Sostiene Pereira

Sostiene Pereira
Pierre-Henry Gomont
Astiberri

Outro dos títulos que máis nos gustaron nos últimos meses, baseado na novela de Antonio Tabucchi sobre a liberdade e a humanidade en tempos de opresión. Un relato que encaixa perfectamente nestes estraños días que estamos a vivir nos que os longuísimos e retorcidos brazos do poder tentan silenciar as voces críticas e disidentes por tódolos medios. Unha historia necesaria cun tratamento gráfico magnífico que vos recomendamos sen dúbida algunha.


¿Cuánta tierra necesita un hombre?

¿Cuánta tierra necesita un hombre?
Martin Vieron
Norma

Todo un clásico da historieta europea como Martin Veyron regresa coa adaptación dun dos relatos máis coñecidos de León Tolstói, un conto atemporal sobre a cobiza e a ambición humana que o trazo do autor francés reproduce con elegancia e acerto.


Dédalus en Compostela

Dédalus en Compostela
Kohell
Deputación de Ourense / Fundación Vicente Risco

Malia non ser unha novidade e levar varios anos publicada cómpre falar desta estupenda versión libre que Fernando Iglesias, Kohell, realizou do texto de Vicente Risco.  Unha fermosa divagación sobre o divino e o humano que o propio Risco e Stephen Dédalus, o alter ego literario de James Joyce, manteñen mentras pasean polas rúas compostelás.

OUTROS RELATOS


La tierra de los hijos

La tierra de los hijos
Gipi
Salamandra Graphic

A última e agardada obra de Gipi preséntanos un mundo totalmente distinto a como o coñecemos, unha ucronía postapocalíptica protagonizada por un pai e os seus dous fillos onde o que non se conta ten tanta ou máis importancia que o narrado, e onde a capacidade de ler cobra tanto protagonismo como os propios personaxes.


La mujer leopardo

El botones de verde caqui / La mujer leopardo
Yann / Olivier Schwartz
Dibbuks

Como podedes ver no artigo que fixemos sobre El botones de verde caqui esta obra, ademais de ser un excepcional exemplo de aventuras bélicas para tódalas idades está cheo de homenaxes e referencias á banda deseñada e tamén á literatura francesa, xa que tanto nela como na súa continuación La mujer leopardo fan sorprendentes aparicións Sartre, Simone de Beauvoir ou Boris Vian (de quen, por certo, proceden varios dos personaxes secundarios que aparecen nestes álbumes de Spirou, saídos directamente da súa novela Vercoquin et le plancton).


Jonas Fink #4, El librero de Praga

Jonas Fink #4, El librero de Praga
Vittorio Giardino
Norma

Hai 25 anos que o italiano Giardino, grande exemplo da liña clara europea, comezou esta serie sobre un rapaz xudeu na Praga comunista. Chega agora, por fin, a súa conclusión nun agridoce volume no que atopamos a Jonas convertido en libreiro no convulso ano 1968 da capital checa (daquela checoslovaca).


Narval

Narval
Ben Clanton
Juventud

Este libriño, perfecto para primeiros lectores e lectoras, fálanos dun simpático narval e as aventuras que vai vivindo no océano. Entre elas gustounos especialmente un capítulo no que, xunto coa súa amiga Medu (unha medusa), descubren a maxia da lectura.


Las fabulosas aventuras de Benjamin Blackstone

Las fabulosas aventuras de Benjamin Blackstone
François Rivière / Nicolas Perge / Javier Sánchez Casado
Yermo

Nesta novidade dirixida cara o público xuvenil coñecemos a Benjamin Blackstone, un rapaz que entra en contacto, na biblioteca da casa da súa tía, a Lord Schenbock, unha pantasma moi particualr coa capacidade de moverse a través dos libros da devandita biblioteca. Xuntos viven numerosas e emocionantes aventuras saltando das páxinas das novelas de Kipling ás de Lovecraft, do País das Marabillas de Alicia ás sagas nórdicas ou aos mitos homéricos.