El Cavalier - El Sr. Thompson, de Rich Tommaso: Un cómic que apunta a obra maior
A sensación durante a lectura deste fermoso libro é a de ter entre mans un deses valiosos exemplares da colección de Winbledon Green (personaxe do noso adorado Seth).
Afástase aquí Rich Tommaso de traballos anteriores como El horror de Colley County, tamén publicado por La Cúpula, e adopta un estilo moi lixeiro axeitado á ambientación de comezos do século XX.
O delicado tomo compleméntase cunha moi coidada rotulación, e fáinos avanzar sobre os pequenos capítulos de maneira lene e tranquila.
Tommaso semella estar a construír unha obra moito maior e de aí o subtítulo: Primeros pasos de Sam Hill: 1924. O protagonista é un novísimo propietario dun hotel, herdado do seu pai, a quen os vicios e a vida desordenada non lle permiten atender o negocio. Pero antes de que o coñezamos a fondo, o autor fai pasar polas páxinas desta obra un elenco de personaxes variopintos que acabarán por percorrer os corredores e habitar as dependencias do hotel El Cavalier.
O autor ten ás súas costas unha longa traxectoria e algún que outro prestixioso premio. Sería desexable que puideramos contemplar como avanza a vida deste rapaz (¿Sam Hill ou Rich Tommaso?) porque se algo deixan estes primeiros pasos son ganas de máis.
Agradecer a La Cúpula a elección do autor e da obra, e detalles como a maquetación e a rotulación que contribúen ao pleno disfrute da bd e que, na maioría dos casos, só percibimos cando nos faltan.
El Cavalier - El Sr. Thompson
Rich Tommaso
La Cúpula
Tomos: 1