Colección Mamut, de Bang: cómics moi recomendados para os máis cativos
Hai pouco que sairon dous novos títulos da colección Mamut: Coco el cocodrilo e El pequeño Olaf tiene una idea. Encántanos que cheguen á librería obras orientadas cara os máis pequerrechos, nenos e nenas de tres, catro ou cinco anos, que aínda non saben ler pero que, grazas a estes libros, poden descubrir a experiencia da lectura por si mesmos.
Duns anos para aquí a oferta de cómic infantil, historias sinxelas e divertidas, sen texto e cunha narración gráfica doada de seguir, multiplicouse de xeito espectacular, sobre todo polo traballo da editorial Bang que, a través da súa colección Mamut, achéganos obras axeitadas para estas idades, xunto con outros dous niveis de lectura diferentes: a partir de 6 e a partir de 9.
Ás veces custa un pouco que os rapaces se inicien na lectura, e cremos que o sistema das viñetas é unha opción interesantísima e unha ferramenta pedagóxica estupenda, xa que aprenden a situarse espacial e temporalmente. Introducilos na linguaxe secuencial pode supoñer unha dose extra de atención no comezo, pero rapidamente os nenos e nenas cóllenlle o tranganillo e vanse sentir xenial ao poder ler un libro sen a axuda dun adulto, é tamén unha inxección de autoestima que os vai motivar e un excelente comezo para a súa carreira lectora.
En canto aprendan a ler xa terán á súa man títulos tan divertidos como os que aquí nos comenta un experto lector de tan só 8 anos, Pedro Barreiro:
Giotto la oruga
Giotto é unha eiruga que non come cousas de eirugas... ¡come lambonadas dos nenos! E estase a poñer gorda, pero un día... unha bolboreta recoméndalle poñerse a réxime porque non pode facer o casulo de tanto como pesa e para saber o que pasa despois terás que ler este cómic.
Giotto la oruga
Marco Paschetta / Luca Blengino
Bang
Tomos: 1
Olaf va de picnic
Este cómic gustoume moito. Os protagonistas son coellos. Un día van de picnic pero... ¡un xabarín xigante secuestra a tres deles e quéreos comer! O coello que queda libre, Olaf, consigue que lle axuden a rescatalos algúns animais do bosque e un extraterrestre que pasaba por alí.
Olaf va de picnic
Pep Brocal
Bang
Tomos: 1
Marcopola, la isla remera
Había unha vez unha illa que estaba soíña no medio do mar e aburríase moitísimo. Pero un día... aparece un remo perdido e a illa remando moi forte consigue despegarse do fondo e ¡vaise de viaxe! Pero un día atópase cun monstro que a estará a vixiar sempre e empezan os problemas...
Marcopola, la isla remera
Jacobo
Bang
Tomos: 1