La loca del laberinto, de Manchette e Tardi: unha precisa mestura de noir e road-movie

Komic Librería: La loca del laberinto


Un cóctel ben preparado é o mellor cualificativo para esta obra de Jean-Patrick Manchette e Jacques Tardi. Unha precisa mestura entre o xénero negro e as road-movies na que o lector vive a tensión de todos e cada un dos personaxes dende a primeira páxina.

Komic Librería: La loca del laberinto

Tardi, un dos grandes autores da BD europea, amante confeso da novela policial, adapta por terceira vez unha obra de Manchette, desta volta a gañadora, no ano1973, do prestixioso Gran Premio de Literatura Policial francés.

Komic Librería: La loca del laberinto

E así, tras Balada de la Costa Oeste e Cuerpo a tierra, volve explorar as zonas escuras dos homes, as súas tolemias e as súas envexas, as súas arelas de riqueza e poder, e ao longo das súas páxinas imos ver personaxes que abanean perigosamente sobre esa liña tan fina que separa ao ser humano das bestas.

Komic Librería: La loca del laberinto

Todo empeza cando un extravagante millonario contrata a unha muller recén saída do psiquiátrico como coidadora do seu sobriño. Cando a rapaza e o neno comezan a se coñecer son secuestrados, e aquí comeza unha vertixinosa fuxida que os conducirá por camiños inesperados, que os levarán cara un final apoteósico que nin eles nin os lectores agardan.

Komic Librería: La loca del laberinto

O debuxo dinámico, áspero e con novos enfoques, achéganos aínda máis se cabe ás situacións de tensión. E algo que nos chamou moito a atención foi a ambientación temporal, onde Tardi reproduce con gran exactitude a Francia dos anos setenta, algo que é visible nos coches, nos traxes e vestidos ou na moeda de curso no momento, o Franco. Esta meticulosidade fixo que mesmo dubidaramos se esta era unha obra nova ou un traballo de hai moitos anos.

Komic Librería: La loca del laberinto

Recomendámosvos a súa lectura, sobre todo aos devotos do xénero negro e aos afeccionados a este grande artista que, unha vez máis, agasállanos cunha pequena xoia.

Boa lectura, que a gocedes!


Komic Librería: La loca del laberintoLa loca del laberinto
Jean-Patrick Manchette / Jacques Tardi

Norma
Tomos: 1