Las aventuras de Spirou y Fantasio - Diario de un ingenuo: Émile Bravo racha clixés

Komic Librería: Spirou y Fantasio - Diario de un ingenuo


Grande e agradable é a sorpresa ao contemplar e saborear esta perla que contén a partes iguais clasicismo e frescura. Sen ningún tipo de rubor, en Komic Librería elevamos Las aventuras de Spirou y Fantasio - Diario de un ingenuo ao máis alto no noso podio particular do publicado no 2009.

Émile Bravo ten dito en ocasións que procura facer cómics para lectores non habituais do medio e que, xa que logo, incorpora ás súas historias algo que ofreza un valor engadido. Neste caso, isto é o marco histórico no que se desenvolven os feitos.

Komic Librería: Spirou y Fantasio - Diario de un ingenuo
A trama de Las aventuras de Spirou y Fantasio - Diario de un ingenuo transcorre nos días do estouro da Segunda Guerra Mundial: Alemaña vén de comezar a invasión de Polonia, e ao hotel de Bruxelas onde traballa Spirou acoden un diplomático alemán e unha delegación de polacos para un encontro segredo, coa fin de negociar un acordo.

Komic Librería: Spirou y Fantasio - Diario de un ingenuo
Durante un servizo e por casualidade, Spirou intervén nunha destas reunións e ofrece unha grande idea que podería salvar ao mundo da Gran Guerra. Pero hai unha terceira potencia á que non lle interesa un tratado de paz, e envía un infiltrado que de xeito clandestino tentará precipitar os acontecementos.

Komic Librería: Spirou y Fantasio - Diario de un ingenuo
Todo isto non é máis que unha parte dunha trama que Émile Bravo desenvolve de maneira brillante, e na que ademais tentou rachar con algúns dos clixés cos que, durante décadas, tivo que convivir Spirou: para comezar, quítalle o seu clásico uniforme de botóns e vísteo coa roupa doutro aventureiro mozo belga ao que tod@s coñecemos.

Tamén aparece no hotel unha rapaza (non son habituais os personaxes femininos nas historias de Spirou) que espertará no mozo a atracción propia da súa idade. Algunha que outra sorpresa máis deparará este precioso álbum que desexamos descubrades por vós mesm@s canto antes.

Komic Librería: Spirou y Fantasio - Diario de un ingenuo
Para finalizar esta recensión, diremos que foi unha honra e un placer coñecer persoalmente a Émile Bravo cando visitou como convidado Viñetas dende o Atlántico, e que gozamos moitísimo con todas as súas obras publicadas en España.


Komic Librería: Spirou y Fantasio - Diario de un ingenuoLas aventuras de Spirou y Fantasio:
Diario de un ingenuo

Émile Bravo

Dibbuks
Tomos: 1