La Banda de los Postizos, de David B e Tanquerelle: unha grande obra do xénero negro
Un ano despois da súa publicación en Francia chega aos nosos andeis La Banda de los Postizos, unha interesante novela gráfica realizada por David B. e Tanquerelle onde recrean libremente a andaina dunha famosa banda de ladróns de bancos no París dos primeiros anos oitenta.
Entre 1981 e 1986 atracaron con éxito 27 entidades bancarias, desvalixando unhas 1300 caixas de seguridade e traendo de cabeza á policía francesa. O seu modus operandi era ben sinxelo: empregaban perrucas, barbas e bigotes postizos, e entraban nas oficinas semellando ser parte da clientela. Daquela dividíanse en dous grupos: uns retiñan ao persoal e aos clientes, mentras os demais baixaban ao soto e abrían as caixas.
A súa carreira durou un lustro, e acadaron unha merecida sona pola orixinal e, ata o daquela, inaudita maneira de traballar. Algo que era moi importante no seu funcionamento era que todos eran amigos, procedentes case todos eles de Belleville, un dos arrabaldos parisinos, e neste caso, como en todo traballo en equipo, a unidade resulta fundamental.
La Banda de los Postizos non pretende ser un documento fidedigno e literal das fazañas dos postizos, senón que é unha interpretación ficcional baseada nos feitos reais, unha vida imaxinaria onde, con sorprendente mesura, o guión de David B. está máis centrado en definir os variados caracteres dos oito compoñentes da banda. E o debuxo de Tanquerelle, un autor que ten unha obra bastante extensa pero a gran parte inédita en España, resulta simplemente perfecto para contar esta historia. Cunha coidada ambientación temporal consigue transportarnos de novo aos anos setenta e oitenta, o deseño dos personaxes está moi traballado e o seu dinamismo aporta un forte apoio ao ritmo narrativo.
En definitiva, La Banda de los Postizos é outra grande obra do xénero negro, que é un dos meus favoritos e no que ultimamente están a aparecer cousas interesantísimas. Agardamos que vos guste moito e que gocedes coa súa lectura ao igual ca nós.
La Banda de los Postizos
David B. / Tanquerelle
Norma
Tomos: 1