El perro de los Baskerville, de Edginton e Culbard: Revisitando un clásico
Pasou case un século e medio dende a súa creación e, curiosamente, Sherlock Holmes non avellentou nin un chisco e segue a ter un lugar privilexiado na literatura, o cine e, cada vez máis, no mundo da banda deseñada.
Norma Editorial soubo ver o gran potencial deste detective, e ao recente e xa comentado aquí Sherlock Holmes y la conspiración de Barcelona, engádese agora unha colección adicada a el, na que se adaptan varias das máis famosas novelas que Arthur Conan Doyle escribíu con Holmes como protagonista. El perro de los Baskerville é o terceiro tomo, pero dene logo o ideal é telos todos, xa que fixeron unha gran selección.
Esta obra ten un guión adaptado de xeito maxistral por Ian Edginton, que consegue mergullarnos fondamente nos escenarios que percorría o afamado investigador e que se complementa á perfección coas ilustracións de I.N.J. Culbard. Nas derradeiras páxinas do libro poderedes aprezar os bosquexos e primeiros deseños que fixo de Holmes e Watson, e como atopa as súas personalidades grazas ao contrapunto que son o un para o outro.
En canto á historia, poderiamos dicir que é unhas das novelas máis populares do século XX, e dende o primeiro momento, xa que cando comezou a ser publicada por entregas en The Strand Magazine, en 1901, formáronse longas filas de lectores ávidos de Holmes.
Esta adaptación gráfica, ao igual que o relato orixinal, divídese en varios capítulos que lle outorgan un certo aire cronolóxico. E o punto de partida argumental é ben coñecido: cando o noble Sir Charles Baskerville aparece morto nun camiño do páramo de Devonshire semella que a maldición dos Baskerville, pola cal un can infernal mata dende hai séculos aos membros desa familia como castigo pola súa maldade, cobra vida. O doutor Mortimer viaxa a Londres para pedir a axuda do ilustre investigador que, dende logo, axudará ao último herdeiro dos Baskerville a resolver este misterio coa colaboración do seu inseparable Watson.
Coma sempre, en cada investigación de Holmes enrédanse unha chea de personaxes e ao final nada é o que parece, ¿poderá o detective facer a súa clásica entrada triunfal na que resolve, con audacia e case sen esforzo, a situación? ¿é real a lenda do can que asola á familia Baskerville? Se estades intrigad@s, non tendes máis que botarlle unha ollada a esta apaixonante novela gráfica chea de intriga.
El Perro de los Baskerville
Ian Edginton / I.N.J. Culbard / Arthur Conan Doyle
Norma
Tomos: 1