Ana Frank, de Sid Jacobson e Ernie Colón: Unha lección de vida

Komic Librería: Ana Frank - La biografía gráfica


Os humanos somos os únicos animais que tropezamos dúas (ou máis) veces na mesma pedra, e por isto é importante ser conscientes e coñecer os erros do pasado para que non volvan acontecer no futuro. Podemos chegar a este coñecemento de moitas maneiras, pero poucas tan claras e conmovedoras coma o testemuño en primeira persoa dunha moza a quen lle tocou vivir un dos períodos máis irracionais e crueis da nosa historia. A súa experiencia, que chegou ata nós a través dun humilde diario, é xa unha das obras literarias máis coñecidas e traducidas, ademais dun inmortal alegato contra o odio e a intolerancia.

Komic Librería: Ana Frank - La biografía gráfica

Falamos, por suposto, da emotiva e famosa historia de Ana Frank, que vivíu oculta xunto a súa familia durante dous longos anos na Ámsterdam ocupada polos nazis, polo feito de ser xudeus. O seu libro foi adaptado ao cine e máis ao teatro e, hai case dous anos, Norma Editorial presentou o cómic Ana Frank - La biografía gráfica, que ao noso parecer é un traballo excelente.

Komic Librería: Ana Frank - La biografía gráfica

En Ana Frank - La biografía gráfica, o documentadísimo guión de Sid Jacobson casa á perfección co debuxo de Ernie Colón, que reproduce con gran fidelidade as imaxes do refuxio e cada unha das habitacións, así como o aspecto físico dos protagonistas. Os autores xa traballaran xuntos nunha biografía sobre o Ché Guevara, e na adaptación gráfica do Informe sobre o 11-S, e para realizar esta obra contaron coa importante colaboración da casa-museo de Ana Frank.

Komic Librería: Ana Frank - La biografía gráfica

A perspectiva dunha rapaza de 15 anos sobre a guerra e a supervivencia, a convivencia e o saber gozar das pequenas cousas da vida, malia o seu encerro, achéganos unha lección de vida para todos e todas, e pode que especialmente aos adolescentes, xa que son a vindeira xeración e deben lembrar que aquí, na nosa vella Europa, houbo guerras fratricidas, racismo e moito sufrimento, e non hai moito tempo, nos anos que lle tocaron vivir a Ana Frank e á súa familia, os homes trouxeron o inferno á terra.

Komic Librería: Ana Frank - La biografía gráfica

Resulta moi difícil poñerse na pel desta familia, que ve como os seus veciños e compatriotas pasan a ser antisemitas e toman a decisión de pecharse nun agochadoiro coa fin de salvar as súas vidas. E tamén foi moi difícil a tarefa de Otto Frank, pai de Ana e único supervivinte da familia, que tivo que seguir a vivir coa súa enorme perda e con tantas ausencias ás costas, e que atopou na preservación do legado da súa filla un motivo para continuar adiante e, en parte grazas a el e ao seu empeño, Ana Frank cumpríu o seu soño: ser xornalista e unha escritora famosa. E abofé que o conseguíu.


Komic Librería: Ana Frank - La biografía gráficaAna Frank - La biografía gráfica
Sid Jacobson / Ernie Colón

Norma
Tomos: 1