El cuentacuentos, de Zidrou e Raphaël Beuchot: un canto á vida, á liberdade e á palabra

Komic L¡ibrería: El cuentacuentos


Contan que houbo un tempo no que homes e mulleres, no canto de ficar apampados diante dunha pantalla, reuníanse arredor da lareira ou dunha cacharela e contaban historias. Historias que facían rir e tamén chorar, que permitían soñar e coñecer, imaxinar e aprender. A figura d@ narrador/a, o contacontos, era aprezada e benquerida, e as súas verbas tiñan o poder de facer viaxar ás persoas que escoitaban o seu relato, e ficar dentro delas eternamente.

Komic L¡ibrería: El cuentacuentos

Pois ben, nestes días, nos que as veces esquecemos a necesidade que temos das historias e da poesía, chega ata nós un deses contos que alimentan o espírito e defenden a literatura oral como parte fundamental da nosa identidade: El Cuentacuentos, unha obra que é un canto á vida, á liberdade e á palabra.

Komic L¡ibrería: El cuentacuentos

O seu autor, Zidrou, malia que só unha pequena parte da súa obra está dispoñible en castelán, xa deixara trazos de bo contista en títulos como Lydie ou La anciana que nunca jugó al tenis. O seu estilo, aparentemente sinxelo, resulta cálido e próximo ao lector, flúe de maneira moi natural, algo que percibimos especialmente nesta fábula ambientada en África que é moito máis do que semella a primeira vista.

Komic L¡ibrería: El cuentacuentos

El Cuentacuentos nárranos a historia de Solueymane, un contacontos ao que todos coñecen polo acertado alcume de Érase una vez e que vai de aldea en aldea acompañado por Toubab, un mono albino. Os seus relatos, expresados a través dos seus monicreques e sombras chinesas, enfeitizan e abraian ao seu público, pero tamén fan que soñe e pense, algo que non gusta nada a certas autoridades, que lle prohiben contar as súas historias. O noso protagonista, convencido da forza da palabra, desafiará ao poder estabelecido neste conto que mestura tenrura e violencia, vida e morte, opresión e xustiza.

Komic L¡ibrería: El cuentacuentos

O apartado gráfico correspóndelle ao debutante Raphaël Beuchot, que fai un traballo excelente e nada doado ao plasmar no papel o marabilloso guión de Zidrou. O seu debuxo, fermoso, versátil e colorido traslada os numerosos matices dun texto que achega moita información e no que a fronteira entre o real e o imaxinado é ben fina. Un guión sabiamente escrito onde a palabra vai ser un elemento central, ata o punto de que o guionista non ten problema algún en cederlle a voz aos personaxes para que falen directamente co lector, sexan persoas, animais ou mesmo obxectos. E así aproveitarán para contarnos as súas pequenas historias, como a do mono Toubab e a súa viaxe dende o Himalaia ata África, a de Mamina, unha velliña que nunca deixou de soñar co seu príncipe ou a de Golkiper, que quere ser porteiro de fútbol na compaña do seu amigo Sprite.

Komic L¡ibrería: El cuentacuentos

Recomendámovos, pois, esta pequena marabilla que resulta ser, como din no propio libro: "amarga como a morte, doce como a vida e suave coma o amor"... Que gocedes coa súa lectura!


Komic Librería: El cuentacuentosEl cuentacuentos
Zidrou / Raphaël Beuchot

Norma
Tomos: 1