Los años Sputnik, de Baru, ou como salvar do esquecemento un mundo e un xeito de vivir

Komic Librería: Los años Sputnik


Con ledicia recibimos en Komic Librería a chegada de Los años Sputnik, outra obra máis do gran Baru, neste caso un tomo integral que compila os catro tomos nos que o autor francés describe a nenez nunha vila obreira de finais dos anos cincuenta.

Hervé Barulea, máis coñecido polo seu nome de guerrilleiro da viñeta, é un francotirador de esquerdas, comprometido coa clase obreira e pioneiro da banda deseñada de carácter social. Na nosa memoria fican obras súas como Rabioso, El camino de América ou La autopista del Sol, e agora chega ata nós esta crónica publicada orixinariamente entre 1999 e 2003.

Komic Librería: Los años SputnikA acción sitúase en Sainte-Claire, un barrio obreiro na rexión de Lorena, no nordés de Francia. Corre o ano 1957, Igor, o noso protagonista e narrador, é un rapaz soñador duns oito ou nove anos, e a través dos seus ollos poderemos descubrir o día a día do lugar. Algo que coñece ben o autor, que fai en certa maneira o retrato da súa infancia, mais non no sentido literal, nin cun aire bucólico ou nostálxico, tampouco pretende facer unha defensa do pasado coma un tempo idílico.

Non, o obxectivo de Baru é reconstruír, e salvar do esquecemento, un mundo e un xeito de vivir, reproducir a veciñanza onde, poucos anos despois da Segunda Guerra Mundial, convivían familias procedentes de Polonia, Italia ou Alxeria. Para isto emprega a perspectiva infantil, asitimos aos seus triunfos e derrotas, ás súas descobertas e á súa aprendizaxe para a vida. E todo isto nun intre de grandes e rápidas mudanzas sociais, coa Guerra Fría cada vez máis quente por mor da carreira espacial.

Komic Librería: Los años Sputnik

A obra de Baru, coma sempre, destila honradez e compromiso, pero ademais resulta divertida e entrañable, polo ben construídos que están os personaxes e porque, é inevitable, vemos reflectida a nosa propia infancia na deles. Xogarse a honra ou o dominio dun territorio nun partido de fútbol ou nunha pelexa cos do barrio do lado, decidir quen é o xefe da túa banda, descubrir o traballo en comunidade ou os primeiros sentimentos amorosos son cousas que non quedan tan lonxe.

O dinámico debuxo, que presta especial atención aos escenarios onde transcorren os episodios, axuda a unha lectura agradable, agradecida, e, se me permitides, necesaria. Agardamos que gocedes con ela!


Komic Librería: Los años SputnikLos años Sputnik
Baru

Astiberri
Tomos: 1