La Gran Odalisca, de Vivés, Ruppert e Mulot: un dos cómics máis sorprendentes no que levamos de ano

Komic Librería: La Gran Odalisca


Non é habitual atopar un autor coma o que hoxe nos ocupa. Naceu en 1984, pero xa ten trinta álbumes publicados dende que debutou hai seis anos, dos cales Diábolo xa leva dezaseis!!! traducidos ao castelán. Cun estilo variado pero propio, persoal e rompedor, o novísimo e prolífico Bastian Vivés salta de rexistro e de xénero cunha abraiante facilidade.

Komic Librería: La Gran Odalisca

Bastian Vivés pode propoñernos seguir a formación dunha bailarina (Polina), meternos no medio dunha historia de amor (El gusto del cloro), levarnos alén das fronteiras coñecidas na triloxía Por el imperio ou deixarnos a boca aberta coa violenta historia de vinganza de Los melones de la ira. Así que non vos sorprenderá moito se vos digo que a súa última obra é unha espectacular historia de acción escrita e debuxada a seis mans xunto cun dúo procedente da bd independente francesa: Florent Ruppert e Jérôme Mulot.

Komic Librería: La Gran Odalisca

Cun ritmo de vertixe, La Gran Odalisca conta as aventuras de tres ladroas de museos guapísimas e cheas de talentos e habilidades que terán que afrontar un auténtico desafío: roubar o famoso cadro de Ingres que dá título á obra. Este plantexamento inicial, que podería con facilidade derivar cara unha obra esaxerada e fallida, sen pretensións, é sorprendentemente manexado polo seu trío autorial, que consegue crear unha historia que engancha dende a primeira das súas cento vinte páxinas.

Komic Librería: La Gran Odalisca

Evidentemente hai tópicos e esaxeracións, como nunha peli de Tarantino, ás veces mesmo rozan a parodia, pero as impresionantes escenas de acción ou as persecucións están mesturadas de xeito sutil co día a día e a historia de amizade entre as protagonistas, o que lle confire a estas sofisticadas ladroas unha tenrura que fai que se esqueza a moralidade dos seus actos, xa que son profesionais sen escrúpulos.

Komic Librería: La Gran Odalisca

Esta dicotomía, xunto cos mordaces diálogos e o colorido debuxo, contribúe a que La Gran Odalisca teña unha fluidez narrativa envexable, polo que pode gustar a un público moi diverso. E aínda que son tres os autores é inevitable percibir algúns dos trazos característicos de Vivés, como son a súa habitual e excelente economía de medios, ou a montaña rusa de sensacións que adoitan deixar as lecturas das súas obras.

Komic Librería: La Gran Odalisca

Sen dúbida unha boa mostra da nova banda deseñada francesa e un dos títulos máis sorprendentes no que levamos de ano. Non volo perdades!


Komic Librería: La Gran OdaliscaLa Gran Odalisca
Bastian Vivés / Florent Ruppert / Jérôme Mulot

Diábolo
Tomos: 1