Casa Bábili, de Duleimi, Rojo e Carbajo: unha necesaria labazada na nosa consciencia

Komic Librería: Casa Bábili


Recoñezo que son anos de máis exposto a todo tipo de influencias audiovisuais, televisivas ou cinematográficas, que relativizan as miserias da condición humana e, particularmente, unha das cousas máis difíciles de aceptar da nosa idiosincrasia: a guerra. Triste e inexplicabemente un dos motores do noso progreso é tamén o escenario das maiores atrocidades e crueldades.

Komic Librería: Casa Bábili

Disto dan boa conta obras totémicas no mundo da viñeta como Maus ou Gorazde, e tamén o título que hoxe comentamos, Casa Bábili (Norma), un relato duro e ao mesmo tempo amable, tenro e directo sobre o impacto da invasión estadounidense na poboación civil iraquí. Un proxecto divulgativo que, pola importancia do tema a tratar e o acerto co que está tratado, é xa unha das obras máis recomendadas en Komic Librería neste 2013.

Komic Librería: Casa Bábili

Todos e todas fumos e somos testemuños disto, testemuños mudos da barbarie humana, espectadores dunha guerra inxustificada e falsa que arrasou un país enteiro mentras unhas poucas persoas facían (e seguen a facer) lucrativos negocios a costa de vidas inocentes. Non hai sitio para estas novas nos nosos telexornais, non teñen cabida o sufrimento dos civiles, das mulleres e dos nenos, as irrecuperables perdas culturais, a contaminación do berce da civilización contemporánea.

Komic Librería: Casa Bábili

Casa Bábili é unha necesaria labazada na nosa consciencia, unha lembranza da dor e do desastre nada do pulo de dúas organizacións (a Fundación Al Fanar e a CEOSI)por dar a coñecer a situación da poboación civil nun dos países máis castigados do planeta. Baseada na novela Saidat Zahal (As mulleres de Saturno), da escritora Lutfiya Duleimi, céntrase nos primeiros días (hai xa dez anos) da ocupación de Iraq e como viviron eses días os habitantes de Bagdag, máis concretamente un grupo de mulleres, novas e progresistas. A acción xira arredor de Hayat Bábili, unha xornalista pertecente a unha familia de tradición liberal e moi apegada á súa cultura, e as súas amigas, vítimas dunha invasión inxusta que, coa indiferencia e complicidade internacional, arrasou co seu país.

Komic Librería: Casa Bábili

Adaptada maxistral e sorprendentemente por Sara Rojo no guión e cor, e por Javier Carbajo no debuxo, Casa Bábili achéganos unha durísima realidade que tendemos a evitar aceptar pero que necesitamos coñecer. Ao comentar a obra con Pío tras a súa lectura, el pronunciou unha frase que comparto totalmente: "se esta sociedade fora xusta de verdade, isto debería ser unha lectura obrigatoria nas escolas". E isto é así porque Casa Bábili non toma un posicionamento político ou ideolóxico, senón que desenmascara a tolemia da guerra dende a máis fonda lóxica humana, non hai nada que xustifique o sufrimento dos nenos ou a destrución da cultura dun pobo, e non hai bandeira ou relixión que pesen máis que unha vida. Con bo pulso narrativo e unha ilustración cálida e próxima os autores introducen ao lector nun mundo non tan afastado como pensamos, con personaxes aos que non temos problemas en entender e sufrir con eles, e no que a muller xoga un papel fundamental como defensora dos valores universais e da tradición cultural mesopotámica.

Komic Librería: Casa Bábili

Como obra divulgativa vén acompañada de varios artigos anexos nos que distintas voces achegan datos e experiencias sobre o día a día iraquí tras a invasión, as gravísimas violacións do dereito internacional na intervención de estadounidenses e europeos, a situación hoxe en día da muller ou da infancia en Iraq e mesmo as receitas que unha das protagonistas cociña no libro. Anexos que complementan unha historia que tod@s debemos ter presentes, pois, queiramos ou non, como sociedade somos responsables dela.


Komic Librería: Casa BábiliCasa Bábili
Lutfiya Duleimi / Sara Rojo / Javier Carbajo

Norma
Tomos: 1