La Hermandad de Historietistas del Gran Norte, de Seth: nostalxia e amor pola viñeta

Komic Librería: La Hermandad de Historietistas del Gran Norte


Hai dous elementos omnipresentes na obra do canadiano Seth: por unha banda un compoñente altamente nostálxico, unha melancólica morriña de tempos pasados, e pola outra un apaixonado amor polo mundo da viñeta. Ámbolos dous eran especialmente visibles en Winbledon Green, un dos cómics de 2012 que máis nos gustaron e no que contaba a historia do máis importante coleccionista de tebeos, e seguen a estar aí na súa última obra: La G.N.B.C.C. (La Hermandad de Historietistas del Gran Norte).

Editado por Sins Entido, ao igual que o anterior, o libro respecta o fermosísimo deseño orixinal do autor, e vainos levar de novo a un universo alternativo situado en Canadá no que os debuxantes e as súas obras son dunha importancia cultural maiúscula. Iremos coñecendo este mundo a través dunha detallada visita, guiada e comentada polo propio Seth, a unha das catro sedes da GNBCC, a sociedade á que pertencen os máis destacados historietistas do Canadá.

Komic Librería: La Hermandad de Historietistas del Gran Norte

Co seu estilo gráfico característico, moi influído polos ilustradores de The New Yorker dos anos corenta e cincuenta, e unha estrutura practicamente fixa de nove viñetas por páxina, acompañamos ao autor nun percorrido polo edificio que a Irmandade ten en Dominion, e xa dende o comezo somos conscientes que a institución pasou por épocas mellores. O noso anfitrión/narrador vai comentando os costumes e tradicións do club, ao tempo que fai unha minuciosa descrición dos distintos espazos polos que pasamos: o baixorrelevo do arco da entrada, os murais do vestíbulo, o espectacular Salón do Bosque ou o afastado e recóndito arquivo da GNBCC. En numerosas ocasións compara o que vemos co pasado esplendoroso do que se fala durante todo o libro, e de cando en vez fai pequenas digresións para falarnos máis polo miúdo dun autor e das súas creacións.

Komic Librería: La Hermandad de Historietistas del Gran Norte

Precisamente aquí, ao igual que acontecía na súa obra anterior, é onde o talento deste artista e o seu infinito agarimo cara a novena arte son máis notables, e tamén onde reside a clave da verosemellanza do mundo que propón. Preséntanos varios autores e autoras (entre os que consegue meter ao seu grande amigo Chester Brown), e con eles os seus personaxes, deliciosamente imaxinados e que fan que entremos totalmente na historia da GNBCC e que a nosa visita non se faga pesada.

Komic Librería: La Hermandad de Historietistas del Gran Norte

É esta, pois, unha obra para degustar con tranquilidade, pode que sentado nun dos salóns da Irmandade de Historietistas do Gran Norte, e que vos recomendamos totalmente, sobre todo a aqueles que gozastes coa lectura de Winbledon Green.


Komic Librería: La Hermandad de Historietistas del Gran NorteLa Hermandad de Historietistas del Gran Norte
Seth

Sins Entido
Tomos: 1