La armadura del Jakolass: o sorprendente retorno de Valerian e Manu Larcenet

Komic Librería: La armadura del Jakolass


Como ben sabedes @s komiqueir@s habituais, unha das grandes debilidades de Komic Librería é o francés Manu Larcenet, autor de obras como Los combates cotidianos, Blast ou El retorno a la tierra. Un tipo peculiar, coas ideas moi claras e un estilo moi persoal que sempre nos deixa bo sabor de boca. Hai meses coñecimos a nova dun dos seus últimos proxectos, e o certo é que espertou a nosa curiosidade, pois non era outro que La armadura del Jakolass, unha nova historia de Valerian, o mítico aventureiro espacial creado por Pierre Christin e Jean-Claude Mézières.

Komic Librería: La armadura del Jakolass

Para @s que non coñezades ao personaxe, diciros que é o protagonista dunha das series máis importantes e influíntes da bd europea de ciencia ficción. Das súas aventuras, que hoxe en día podemos atopar recollidas en sete tomos por Norma Editorial, beben directamente numerosos autores de bd, mais tamén podemos notar o seu influxo en películas como a saga de Star Wars.

Komic Librería: La armadura del Jakolass

Ao longo de vintedous álbumes e máis de corenta anos Valerian, xunto coa a súa inseparable compañeira Laureline, visitou moitísimos mundos por todo o universo, ata que no ano 2010 os seus creadores decidiron poñer punto e final á serie cun sorprendente final, pero deixando a porta aberta á posibilidade de que alguén retomara os seus personaxes. Non para continuar as súas andainas, e tampouco para parodialas, a condición que puxeron Christin e Meziérès foi que tiña que ser unha revisitación. E iso é o que fai Manu Larcenet en La armadura del Jakolass (Norma), con moito respecto ás historias orixinais crea unha auténtica aventura que sorprenderá aos seus fans e aos de Valerian, pois acada un equilibrio estupendo entre as características clásicas desta space-opera e os seus propios sinais de identidade.

Komic Librería: La armadura del Jakolass

Todo comeza nun escenario ben coñecido polo propio autor, aínda que inédito en España: Chez Francisque, un bar dos de toda a vida que é o epicentro dunha das súas series máis irónicas e divertidas. Alí atopamos a Jean-Pierre e a René, dous dos seareiros do local, uns preas de coidado que, baixo un ceo de estrelas esbardallan sobre o divino e o humano, a política e os espazos intergalácticos. Unha noite, ao saír do bar, son abordados por un descoñecido que, acompañado de tres extraterrestres, lles trae unha nova sorprendente e que necesita a súa axuda para devolver o universo á normalidade.

Komic Librería: La armadura del Jakolass

Con moitísimo humor, numerosos guiños á serie orixinal e unha tensión narrativa primorosamente construída. Larcenet achéganos unha obra fresca e abraiante que lembra, daquela maneira, ás súas aventuras rocambolescas. Non hai que esquecer que Valerian, malia non ser tan coñecido no noso país, é un dos caracteres máis famosos do cómic franco-belga, ao nivel dos mesmiños Tintín ou Astérix, polo que é comprensible o agarimo e o coidado cos que Manu afronta o seu traballo.

Komic Librería: La armadura del Jakolass

O seu debuxo, coma sempre excelente e dinámico, está acompañado pola axeitada cor de Jeff Pourquié. E a mestura do costumismo de taberna coas aventuras intergalácticas trae á nosa memoria lembranzas dunha das historietas de Bruguera nos primeiros oitenta:  Atasco-Star as cómicas andainas dos transportistas espaciais Mariano, Evaristo e o seu robot Federico a bordo da súa cafeteira espacial... ¿alguén máis se acorda disto?

Pois nada máis, recomendámosvos esta obra sen dubidar, mesmo se non coñecedes o particular universo de Manu Larcenet, de seguro que pasaredes un divertido e moi bo rato.


Komic Librería: La armadura del JakolassLa armadura del Jakolass
Manu Larcenet

Norma
Tomos: 1