Gabo, de Óscar Pantoja e varios debuxantes: a máxica vida de García Márquez
Interesante proposta a que nos achega o guionista colombiano Óscar Pantoja, que recorre a catro compatriotas como ilustradores (Miguel Bustos, Felipe Camargo, Tatiana Córdoba e Julián Naranjo) para realizar Gabo. Memorias de una vida mágica, unha biografía secuenciada de Gabriel García Márquez na que salientamos a boa disposición da información, xa que dun xeito claro e rápido calquera lector poderá ter unha idea xeneral moi válida da vida do universal escritor.
Os autores empregan ideas que resultan efectivas e imaxinativas, coma son a utilización dun epicentro recorrente, que non é outro que Cien años de soledad, ou a desorde cronolóxica que, lonxe de prexudicar o sentido da obra, afástaa da fórmula clásica do xénero biográfico.
A estrutura de catro capítulos (máis un pequeno epílogo) supoñemos que é consecuencia da obriga de dividir o traballo entre os debuxantes. Se ben é certo que isto dálle ao conxunto un aquel irregular (uns gustáronnos máis ca outros), non sae a obra danada no aspecto narrativo nin no ritmo nin no contido.
A estadía de García Márquez en diversas cidades europeas como Roma, París ou Londres, e a viaxe que realizou polos países socialistas na segunda metade da década dos cincuenta, permítennos coñecer estes intres da súa vida que serviron para completar a súa formación e a súa visión da época que lle tocou vivir.
A obra culmina coa entrega do premio Nóbel que recibíu García Márquez en 1982, e no epílogo vólvese incidir na grandeza dos seus Cien años de soledad, novela da que se levan vendidos xa máis de trinta millóns de copias.
Esta é, xa que logo, outra desas biografías en banda deseñada que podemos recomendar sobre todo a centros educativos, porque a obra do escritor colombiano é tamén moi recomendable para lectores que non chegaron aínda á idade adulta.
Gabo. Memorias de una vida mágica
Óscar Pantoja / VV.AA.
Sins Entido
Tomos: 1