Fatale. La muerte me persigue, de Brubaker e Phillips: Entre o negro e o sobrenatural

Komic Librería: Fatale. La muerte me persigue


O primeiro que pensei tras a lectura de Fatale. La muerte me persigue foi que era coma se Roman Polanski tivera mesturado Chinatown e La semilla del diablo nunha soa película. Esta aposta, a priori arriscada, resulta sorprendentemente redonda nas mans do equipo creativo formado por Ed Brubaker y Sean Philips, un dúo que rara vez decepciona tras achegarnos obras tan interesantes e recomendables como Sleeper, Incógnito o Criminal.

O certo é que poucos casos coñezo onde a simbiose entre debuxante e guionista sexa tan perfecta. A escrita de Brubaker, que bebe directamente de autores como Dashiel Hammett ou Raymond Chandler, atopa o seu complemento ideal no debuxo de Philips, outro gran coñecedor dos códigos do xénero, e xuntos toman elementos estereotípicos que moldean ao seu antollo para crear algo novo e diferente.

Komic Librería: Fatale. La muerte me persigue

Esta perversión do clasicismo é especialmente visible en Fatale. Nas primeiras páxinas Brubaker vainos introducir nunha historia che de clixés noir (unha muller misteriosa, cruentos asasinatos, polis corruptos, mentiras e segredos…), pero pronto aparecerá en escena unha misteriosa secta de fanáticos -que semellan saídos dun relato de Lovecraft- facendo así que o relato abale entre o negro e o sobrenatural. Os estereotipos están, así mesmo, cheos de matices, o que enriquece a narración e fai que nos metamos rapidamente na historia.

Komic Librería: Fatale. La muerte me persigue

E deste xeito descubriremos ao noso protagonista, Nicolas Lash, e como a súa vida vai mudar dun día para outro tras coñecer no enterro do seu padriño a Jo, unha atractiva muller dotada dun irresistible magnetismo (mais tamén de certa fraxilidade) e da que nunca oira falar ao defunto, malia ser o amor da súa vida. Este encontro, sumado ao achado dunha novela inédita do falecido (que era un escritor de grande éxito pero escaso talento), serán os detonantes da acción e máis da intriga, que o dúo creativo fía de maneira maxistral e equilibrada.

Komic Librería: Fatale. La muerte me persigue

O seu poderoso ritmo e a súa complexa (pero doada de ler) estrutura, con continuos saltos entre varios planos temporais distintos, conforman unha lectura moi recomendable e chea de interrogantes, moitos dos cales quedan pendentes de resposta para futuros volumes.

Komic Librería: Fatale. La muerte me persigue

E é que se lle queremos buscar algún reparo a esta obra este será o feito de que é un primeiro número e a serie queda aberta. Pensada inicialmente como unha colección de doce entregas (das cales este tomo recolle os cinco primeiros) o seu éxito provocou que Brubaker e Philips profundizaran aínda máis nos recunchos da súa creación prolongando a serie.

E si, @s komiqueir@s habituais sabedes que non adoitamos falar aquí de series sen pechar, pero non nos puidemos resistir aos encantos desta arquetípica e abraiante femme fatale. E vós?


Komic Librería: Fatale. La muerte me persigueFatale. La muerte me persigue
Ed Brubaker / Sean Phillips

Panini
Tomos: 1