Cuento de arena, de Henson, Juhl e Pérez: o soño duns visionarios cobra vida nas viñetas
Somos moitos e moitas os que lle profesamos a Jim Henson un cariño especial que vai máis alá da admiración pola súa obra artística, e que recordamos e agradecemos o seu legado vinte e tres anos despois do seu falecemento. O éxito que conseguiron en todo o mundo as súas creacións, principalmente nos anos setenta e oitenta, foi consecuencia da súa mestría e creatividade cos monicreques, nos que ademais de xenio foi pioneiro.
A súa obra é maxia auténtica, pois ademais de crear personaxes e historias tremendamente imaxinativos, posuía unha capacidade única para dotar de vida aos seus bonecos. Programas de televisión como El show de los Teleñecos, Barrio Sésamo ou Fraggel Rock, e filmes como Dentro del laberinto ou Cristal oscuro permanecen como cumios da animación con monicreques, e seguen instalados no inconsciente colectivo de millóns de persoas como sinónimos de diversión e marabilla. O seu sentido do humor e do ritmo conectaba cos máis pequenos, pero tamén cos adultos, e o seu traballo desprendeu sempre unha enorme paixón que era tanxible nas súas obras.
Ademais de todo isto, Henson tiña unha faceta de cineasta experimental e surrealista, menos coñecida polo gran público, pero igualmente notable. Quizais o exemplo máis claro sexa Time Piece, unha sorprendente curtametraxe realizada no ano 1965 e escrita, dirixida e protagonizada por el mesmo, que chegou a estar nominada ao Óscar á mellor curta e da que podedes apreciar un pequeno fragmento aquí. Como podedes ver, trátase dunha delirante persecución, na que o tempo é un concepto filosófico e mesmo alienante.
Anos despois, xunto a Jerry Juhl, un dos seus máis próximos colaboradores e tamén un dos máximos responsables da factoría Henson, desenvolveron máis en profundidade esta temática coa idea de rodar unha longametraxe que se titularía Tale of sand (Conto de area). Entre 1967 e 1974 chegaron a escribir ata tres versións distintas do guión, e presentáronllo a varios produtores. Pero a dificultade da historia, as dúbidas sobre se chegaría a un público numeroso e, finalmente, o fabuloso éxito dos Teleñecos, fixeron que o proxecto non chegase a bo porto. Ata agora.
Tras moitos anos escondido no fondo dun caixón, a compañía creada polo propio Henson (dirixida actualmente pola súa filla Lisa) decidiu, a xeito de homenaxe, recuperar o devandito guión e encargarlle a Ramón K. Pérez a súa adaptación ao cómic. O resultado non puido ser máis satisfactorio. A edición que acaba de publicar Norma, reproducindo a orixinal estadounidense, é un libro fermoso, de gran potencia visual, que resulta atractivo dende a cuberta á última páxina. Inclúe así mesmo o guión orixinal de Henson e Juhl, algo que resulta especialmente interesante para comprobar a fidelidade do artista á hora de adaptar o texto.
E a historia, pois non é máis (nin menos) que a persecución, continua e sen sentido, que vai sufrir Mac, o noso protagonista, dende o comezo ata o final a través do deserto americano. De xeito kafkiano, xa que descoñece o motivo da súa peculiar carreira, vai verse as caras con todo tipo de ameazas, dende un equipo de fútbol americano ata un tiburón, pasando por árabes furiosos, leóns ou tanques. Todo isto nun contexto francamente onírico, que Mac acepta con estrañeza e resignación ata o sorprendente final.
O certo é que o guión é moi imaxinativo, mesturando ideas procedentes de diversos xéneros (que van do western á comedia) cun ton altamente surrealista, case sen texto e con moita acción e ritmo, pero a adaptación que o canadense Ramón Pérez fai é, simplemente, sublime. Cun debuxo e unha cor cheos de vida, un tremendo ritmo narrativo e unha construción de páxina que podería ser definida como unha mestura entre o Contrato con Deus de Eisner e o Asterios Polyp de Mazzuchelli, supera con matrícula a difícil tarefa de adaptar un texto como este.
Un tebeazo, en definitiva, tanto na forma como no contido, unha auténtica obra de arte á que Jim Henson, estamos seguros, tería dado a súa aprobación. Animámosvos a que vos deixedes sorprender por esta fascinante historia!
Cuento de arena
Jim Henson / Jerry Juhl / Ramón Pérez
Norma
Tomos: 1