Buen perro, de Graham Chaffee... E moi humano
As case cen páxinas de apariencia sinxela e pouco pretenciosa deste Buen perro, de Graham Chaffee, son moito máis do que semellan a primeira vista. Se reparamos no profundo ollar co que nos recibe Iván na portada, podemos presupoñer experiencias alén do puramente canino.
Iván é un bo can que percorre rúas e ambientes urbanos na América profunda que comeza a saír da Gran Depresión. Inseguro e insatisfeito co destino que lle tocou vivir, busca día tras día un futuro que non chega a imaxinar. A súa vida vai mudar ao cruzarse no seu camiño unha grea de cans nómadas, liderada polo fillo dunha loba ártica que non deixa de se mostrar ousado, impetuoso e temerario.
A través dos diferentes roles e caracteres dos membros do grupo desvélansenos de xeito clara as actitudes humanas, e fainos lembrar cómics coma o magnífico Reyes disfrazados, ou filmes como El emperador del Norte, onde a afouteza dun líder ampara á totalidade grupo no que as tensións internas non propician precisamente unha convivencia doada. Por esta e outras cousas, o noso protagonista terá que seguir á procura dun lugar onde encaixar e descansar os seus ósos.
A inseguridade existencial que tinxe a totalidade do álbum vaise relaxando cara as últimas páxinas, e un halo de esperanza xorde dende onde menos se podería agardar. Despois de todo, no teu camiño sempre te vas cruzar con bos cans e con boas persoas.
Buen perro
Graham Chaffee
La Cúpula
Tomos: 1