Thomas Noland, de Pecqueur e Franz: a saga dunha familia de aventureiros
A editorial tarraconense Ponent Mon continúa a recuperar grandes obras da bd europea en formatos integrais, ofrecéndonos así a oportunidade de descubrir títulos inéditos ata o de agora no noso país, coma é o caso de Thomas Noland, unha apaixonante historia que fará, con toda seguridade, as delicias d@s amantes do xénero de aventuras.
Este integral de Thomas Noland recolle os cinco tomos que compoñen a serie completa, realizados entre 1984 e 1998 polo guionista Daniel Pecqueur (autor de obras coma Golden City ou Tao Bang) e por Franz (Lester Cockney, Compañeros de fortuna), un dos debuxantes máis destacados da bd franco-belga, e que atopamos aquí en estado de graza.
A través das súas páxinas descubriremos a axitada saga da familia Noland, dende o patriarca Telemachus, un buscador de ouro de finais do século XIX, ata o seu bisneto Thomas, un soldado estadounidense que se alista voluntariamente para ir a Vietnam na procura do seu pai Trevor, reporteiro de guerra misteriosamente desaparecido e fillo de Timothy, un experto xogador de cartas nos derradeiros anos do far-west e lugartenente da mafia no perigoso Chicago dos anos 20.
Thomas, así mesmo, será o narrador principal do accidentado relato das andanzas familiares, nas que os protagonistas son constantemente sorprendidos por duros golpes do destino.
O certo é que tanto a trama como a estrutura (na que se mesturan e cruzan as distintas liñas argumentais) teñen o seu aquel con unha das nosas obras preferidas, Los maestros cerveceros, a magnífica saga familiar plantexada por Van Hamme e Vallès, e malia non acadar a redondez desta, o trepidante ritmo de Thomas Noland fai que algunha pequena incoherencia no seu guión careza de importancia.
Pecqueur e Franz non teñen reparos en empregar diversos e variados recursos narrativos cheos de imaxinación, dinamismo e sensibilidade, cos que atrapan ao lector ou lectora xa dende o comezo das aventuras. Unha lectura, xa que logo, moi recomendable para todos os públicos e perfecta para estes meses de verán.
Thomas Noland (Integral)
Pecqueur / Franz
Ponent Mon
Tomos: 1