El cuento de una rata mala, de Bryan Talbot: unha maxistral fábula contra o abuso infantil

Komic Librería: El cuento de una rata mala


En ocasións hai obras que, ben polo tema que tratan, ben polo xeito no que están construídas, transcenden a súa propia historia e van máis alá. Este é o caso da novela gráfica que hoxe comentamos, El cuento de una rata mala (Astiberri), do inglés Bryan Talbot, un inquedo, interesantísimo e elegante artista que leva máis de corenta anos a sorprender cos seus traballos e que, con este título, acadou chegar moito máis lonxe do que el pensaba nun principio.

Komic Librería: El cuento de una rata mala

El cuento de una rata mala foi orixinalmente publicada no ano 1995, e catro anos despois víu a luz a súa primeira edición en castelán, da man de Planeta. Agora a editorial Astiberri achéganos de novo, nunha coidada e accesible edición, este conto que hoxe en día é empregado como libro de texto nalgunhas escolas e universidades, e tamén en centros de axuda para nenos e nenas que sufriron abusos, pois este é o seu eixo central, aínda que nun principio non fora a intención do autor.

Komic Librería: El cuento de una rata mala

Resulta ben curioso o seu proceso creativo, xa que Bryan Talbot quería facer unha historia sobre o Distrito dos Lagos, unha rexión do noroeste inglés famosa pola súa riqueza paisaxística e que influenciou a numerosos artistas e intelectuais, entre eles a Beatrix Potter, unha escritora e ilustradora de contos infantís que era tamén naturalista, e coa que Helen, a protagonista de El cuento de una rata mala, mantén un vencello sincrónico.

Komic Librería: El cuento de una rata mala

O libro comeza con ela a pedir esmola nunha estación de metro londinense, coa súa rata coma única compaña e sen saber cal é o seu lugar no mundo tras fuxir da casa paterna. Unha fuxida na que seguirá os pasos de Beatrix Potter ata a rexión dos lagos, e que se convertirá nunha sorte de viaxe iniciática na que Helen afrontará os seus medos ata poder facerlle fronte ao seu pai e aos abusos que sufríu de cativa pola súa parte, que son o motivo último da súa marcha.

Komic Librería: El cuento de una rata mala

Bryan Talbot constrúe con estes elementos unha historia que atrapa ao lector ou lectora dende a primeira páxina, cun ritmo moi equilibrado e tratando a historia con verosemellanza e seriedade, aínda que a fantasía atopa de seguido as portas abertas para coarse entre as viñetas, debido á grande imaxinación de Helen.

Komic Librería: El cuento de una rata mala

Esta maneira realista de afrontar un tema que, mesmo a día de hoxe, segue a ter un aquel de tabú, provocou que o autor inglés recibira numerosos galardóns e parabéns, e que as súas páxinas serviran a moita xente vítima de abusos para axudar a recoñecelos e superalos.

Komic Librería: El cuento de una rata mala

Outra característica a destacar é que, malia ser unha historia dura, Bryan Talbot consegue, con gran sensibilidade, non caer no dramatismo esaxerado ou morboso e transmitir unha reconfortante mensaxe de optimismo. Unha lectura, xa que logo, moi recomendable e que xa está considerada coma obra de referencia na bd europea.


Komic Librería: El cuento de una rata malaEl cuento de una rata mala
Bryan Talbot

Astiberri
Tomos: 1