Criminal, de Ed Brubaker e Sean Philips: o xénero negro con maiúsculas

Komic Librería: Criminal - Integral 1


Coas enerxías renovadas tras estes días de descanso, en Komic Librería voltamos á normalidade e, coma non, á nosa habitual recensión semanal. E facémolo pola porta grande, falando dunha grandísima obra, o primeiro integral dunha das nosas series preferidas: Criminal, de Ed Brubaker e Sean Philips.

Komic Librería: Criminal - Integral 1

Este tándem creativo é responsable de varios dos títulos máis interesantes aparecidos na última década no cómic estadounidense, especialmente dentro do xénero negro, do que son destacados renovadores. O profundo coñecemento que Brubaker tén das claves do thriller e a súa habilidade para crear personaxes fascinantes encaixan á perfección coa sobriedade gráfica de Philips, como xa comentamos hai uns meses ao falar de Fatale, o seu último traballo. No ano 2007 comezaron Criminal, a serie que hoxe nos ocupa, unha colección formada por seis novelas gráficas independentes e autoconclusivas que se entrelazan de xeito maxistral e atrapan ao lector dende a primeira viñeta

Komic Librería: Criminal - Integral 1

A acción sitúase na ficticia Central City e, malia que cada entrega funcione por si mesma e está centrada en personaxes distintos estes habitan o mesmo mundo, frecuentan os mesmos escenarios e comparten a historia de dúas xeracións do crime. A capacidade dos autores para pervertir o clasicismo botando man de todos os tópicos do xénero acada construír un universos propio e coherente, cheo de constantes referencias á literatura ou ao cine noir por onde desfilan ladróns, asasinos, femmes fatales e polis corruptos nunhas tramas moi ben estruturadas.

Komic Librería: Criminal - Integral 1

Esta primeira e espectacular escolma, cuidadosamente editado por Panini Comics, recolle os tres primeiros arcos argumentais da saga: Cobarde, Lawless e Los muertos y los moribundos. As súas máis de 400 páxinas inclúen numerosos e interesantes extras, como unha galería de portadas, distintos artigos sobre o xénero, unha descrición do proceso creativo da obra ou mesmo unha historia curta que funciona a modo de trailer da serie.

Komic Librería: Criminal - Integral 1

Un intelixente e habilidoso ladrón que evita os perigos, un militar obrigado a regresar á súa cidade natal para esclarecer a morte do seu irmán, un boxeador fracasado na procura do seu lugar no mundo, un veterano do Vietnam acosado polos pesadelos da guerra e unha muller que loita por sobrevivir ás pantasmas do seu pasado son os protagonistas destes relatos, personaxes atormentados e relacionados entre si (ás veces de maneira directa, outras dun xeito máis sutil) nesta dura, descarnada e fascinante historia que, agardamos, vos guste tanto coma a nós.


Komic Librería: Criminal - Integral 1Criminal. Integral 1
Ed Brubaker / Sean Philips

Panini Comics
Tomos: 1