Norton Gutiérrez, de Juan Sáenz Valiente: as emocionantes aventuras dun home corrente

Komic Librería: Norton Gutiérrez y el collar de Emma Tzampak


Hai xa uns anos que a editorial franco-española Bang decidíu apostar, con bo criterio e excelentes resultados, polos primeiros lectores coa súa colección Mamut, traballo que dende o seu inicio aplaudimos e recomendamos. Ao mesmo tempo foi editando, sempre de maneira moi coidada pero nun número máis reducido, unha serie de interesantes e heteroxéneas obras entre as que podemos atopar a xenial Aventuras de un oficinista japonés, de José Domingo. Compartindo formato con este título vén de chegar aos nosos andeis Norton Gutiérrez y el collar de Emma Tzampak, unha trepidante revisitación do cómic clásico de aventuras.

Juan Saénz Valiente, o seu autor, é un dos historietistas máis salientables da bd arxentina actual, ademais de deseñador gráfico, animador e grande amante do xénero aventureiro, como ben demostra neste relato que bebe directamente de clásicos do tebeo como Tintín ou Blake & Mortimer e mesmo de iconos cinematográficos como Indiana Jones.

Komic Librería: Norton Gutiérrez y el collar de Emma Tzampak

Norton, o noso protagonista, é un mozo tranquilo infravalorado polos que o rodean e admirador dunha antiga serie de ciencia-ficción titulada El marciano fantástico, que se vai convertir de xeito involuntario no heroe dunha emocionante aventura que vai supoñer para el unha viaxe iniciática en todos os sentidos: atopar a fonte da eterna mocidade antes de que caia en malas mans.

Komic Librería: Norton Gutiérrez y el collar de Emma Tzampak

Narrada con estilo clásico e numerosísimas homenaxes a Hergé, algunhas ben evidentes, outras tan sutiles que farán as delicias d@s tintinófil@s máis expert@s, esta obra aporta o seu gran de area ao xénero cunha historia entretida e divertida grazas ao seu ritmo frenético e a un humor elegante.

Komic Librería: Norton Gutiérrez y el collar de Emma Tzampak

En canto ao debuxo, o arxentino adapta o seu estilo ao relato cunha liña clara na que a referencia indiscutible é de novo o mestre belga, mais tamizado e renovado polo seu propio estilo, acadando un resultado final claro e atractivo á vista que cumpre á perfección cos seus propósitos.

Unha novela gráfica feita con moito agarimo e que de seguro fará pasar un bo rato aos seus lectores e lectoras, tanto entre o público adulto como no xuvenil.


Komic Librería: Norton Gutiérrez y el collar de Emma TzampakNorton Gutiérrez y el collar de Emma Tzampak
Juan Saénz Valiente

Bang
Tomos: 1