Papel estrujado, de Nadar: un ambicioso e acertado debut

Komic Librería: Papel estrujado


Había moitísimo tempo que unha opera prima non chamaba a nosa atención como Papel estrujado, a novela gráfica coa cal debuta de xeito espectacular o ilustrador castellonense Pep Domingo, máis coñecido polo alias de Nadar.

Komic Librería: Papel estrujado

Tras ter realizado varias historias curtas no ano 2012 concedéuselle a bolsa AlhóndigaKomik (Bilbao) grazas ao proxecto desta obra. Nas case 400 páxinas que conforman o seu debut contrúe un apaixonante relato no que se cruzan de xeito maxistral as traxectorias de varios personaxes distintos, mantendo con bo pulso o ritmo da narración durante toda a obra, algo que resulta sumamente difícil, e máis se temos en conta a idade e a escasa experiencia do autor.

Komic Librería: Papel estrujado

Nadar preséntanos dúas historias principais: a de Javi, un adolescente de 16 anos que abandonou o instituto para convertirse nun matón de pouca monta, e a de Jorge, un home triste e gris que chega a unha cidade para recomezar a súa vida. Ao mesmo tempo, e de maneira moi ben dosificada, o autor realiza regresións temporais nas que podemos ver os últimos anos da vida de Jorge. Dende a primeira páxina van aparecendo as intrigas e os interrogantes, captando de xeito superlativo a atención do lector ou lectora cuns personaxes próximos e moi ben construídos que chegan a tocarnos por dentro.

Komic Librería: Papel estrujado

Cun marcado carácter costumista e un emprego exemplar do debuxo como elemento narrativo, Papel estrujado fala sobre convivir cos nosos segredos e erros do pasado, loitar por sobrevivir no noso día a día e afrontar os pequenos ou grandes desafíos que a vida nos vai lanzando.

Komic Librería: Papel estrujado

O talento deste debutante como contador de historias faise patente no dominio que ten da tensión narrativa: non atopamos páxinas que sobren ou aburran neste tomazo editado por Astiberri e no que todo, dende o título e a ilustración da portada, resulta coidado e medido con precisión. Este excelente guión apóiase nun debuxo práctico e figurativo, que lembra a historietistas como Frederik Peeters ou Paco Roca, e que resulta (tamén de maneira sorprendente) tremendamente fluído.

Komic Librería: Papel estrujado

En definitiva, unha primeira obra á que non lle pesa esta condición e onde o seu autor dá mostras dun grandísimo talento, convertindo Papel estrujado nunha das nosas obras preferidas deste 2013 e nunha lectura que vos recomendamos de xeito especial. ¡Agardamos que gozedes con ela!


Komic Librería: Papel estrujadoPapel estrujado
Nadar

Astiberri
Tomos: 1