Piscina Molitor, de Christian Cailleaux e Hervé Bourhis: unha fermosa homenaxe a Boris Vian
Entre as numerosas biografías gráficas aparecidas nos últimos anos no mundo da banda deseñada destacan, sen dúbida algunha, aquelas adicadas a personaxes literarios. De Joyce a Castelao, pasando por Pessoa, Virginia Woolf ou Lois Pereiro, son moit@s os escritores e escritoras que contan cunha visión das súas vidas e obras a través das viñetas, e hoxe ímosvos falar dun dos últimos exemplos dentro deste xénero: Piscina Molitor, o cómic que vén de publicar recentemente Impedimenta e no que Christian Cailleaux e Hervé Bourhis plasman a andaina vital dun dos autores europeos máis interesantes do século XX, Boris Vian.
Á hora de achegarse á biografía dalguén existen maneiras e maneiras de facelo, e no caso que hoxe nos ocupa non imos atopar precisamente unha sucesión lineal e exhaustiva de datos, senón máis ben o contrario, un quebracabezas que conforma unha fermosas homenaxe para este home extraordinariamente creativo e cunha vida tamén fóra do común.
O eixo argumental da obra é a piscina parisina do título, onde Vian realizaba continuas sesións de natación na súa loita contra o reumatismo cardíaco que, entroutros problemas de saúde, padeceu dende neno. Atopamos, pois, ao noso protagonista nunha destas sesións, unhas horas antes de falecer aos 39 anos mentras asistía, de incógnito, á estrea da película baseada na súa novela Cuspirei sobre as vosas tumbas, unha obra de xénero negro escrita baixo o seudónimo de Vernon Sullivan e pola que tivo que pasar un proceso xudicial acusado de inmoralidade e pornografía.
Nestas horas antes da súa morte repasa mentalmente a súa vida: a súa infancia, os guateques que tanto lle gustaban, o jazz, as súas conquistas amorosas, a súa carreira como escritor e xornalista musical... Estas lembranzas, polas que desfilan algunhas das amizades do autor da desgarradora L'Écume des jours (Jean-Paul Sartre, Yehudi Menuhin, Raymond Queneau ou Henri Salvador) están tinxidas dunha fonda melancolía que enchoupa o relato enteiro, o que aprezamos especialmente nas olladas do propio Vian e no excelente tratamento da cor.
Persoalmente debo recoñecer que este polifacético artista é un dos meus creadores preferidos, e que canto máis coñezo da súa obra maior fascinación sinto por el. O seu humor surrealista e lúdico, a súa paixón pola música (especialmente polo swing e polo jazz) e o seu xeito de entender a vida configuran a un autor extraordinario e abraiante, pero extrañamente menos coñecido e valorado por estas terras do que, ao meu ver, debería ser.
E esta circunstancia marca, dalgún xeito, Piscina Molitor, convertíndose na súa gran eiva, xa que a fórmula pola que optan os autores desta biografía é axeitada para o público francés ou para coñecedores da súa traxectoria vital e artística, pero pode resultar incompleta a aqueles que descoñezan a súa figura. Se este é o voso caso, dende aquí vos animamos a mergullaros na súa obra e se xa o coñecedes convidámosvos a ler esta novela gráfica agardando que gocedes con ela.
Piscina Molitor
Christian Cailleaux / Hervé Bourhis
Impedimenta
Tomos: 1