Astérix e os pictos: catenaccio entre galos

Komic Librería: Astérix e os pictos


Hai 54 anos que René Goscinny e Albert Uderzo crearon as aventuras de Astérix e Obélix, posiblemente, xunto a Tintín, a bd francófona (e pode que europea) máis famosa da historia. Durante case vinte anos, ata o pasamento de Goscinny en 1977, realizaron 24 álbumes que rapidamente acadaron o favor da crítica e máis do público. O seu estilo, que mesturaba o xénero de aventuras coa parodia humorística, resultou perfecto para lectores de todas as idades e isto motivou que os seus libros foran traducidos a moitos idiomas distintos, co cal a súa fama e repercusión medraron notablemente e convertiron aos seus protagonistas en personaxes icónicos da cultura popular do século XX.

En ausencia do seu co-creador, Uderzo decidíu afrontar él só a serie, e malia manter un nivel aceptable nos seus primeiros álbumes, dende Astérix en la India (1987) a calidade dos guións (e mesmo do debuxo) foi tomando un camiño descendente ata chegar ao decepcionante derradeiro traballo de Uderzo en solitario, ¡El cielo se nos cae encima! (2005), o que lle valeu numerosísimas críticas e que non resultou un fracaso total grazas á fidelidade do seu público.

Falto de ideas e inmerso en loitas familiares polo control do imperio Astérix, aceptou pasar o testemuño a dous autores experimentados, aínda que non excesivamente coñecidos no noso país: Jean-Yves Ferri ao guión e Didier Conrad a cargo do debuxo. O primeiro, especialmente dotado para a narración humorística, é benquerido na nosa librería por ser o autor dos guións de Retorno a la tierra, e o segundo é un veterano e dinámico debuxante que xa demostrou a súa solvencia en obras como La tigresa blanca ou Los innombrables.

Komic Librería: Astérix e os pictos

Pero, ao contrario que noutras revisitacións de personaxes clásicos aparecidas nos últimos anos, como a que realizou Émile Bravo de Spirou en Diario de un ingenuo ou Manu Larcenet de Valerian en La armadura del Jakolass, os novos responsables das aventuras dos irredutibles galos xogan sobre seguro e non aportan nada novo: limítanse a reproducir un esquema clásico nas historias de Astérix (a viaxe a unha terra descoñecida para axudar a alguén en apuros) calcando unha estrutura ben coñecida polos seus lectores.

Komic Librería: Astérix e os pictos

Neste caso o país visitado é Caledonia, a actual Escocia, ata alí viaxará a nosa parella protagonista para auxiliar a Mac Antela, un guerreiro picto que aparecere conxelado nunha dura e fría mañá de inverno na praia da aldea gala por mor das intrigas de Mac Abeo, un malvado aspirante ao trono de rei de todos os clans de Pictia que non dubida en aliarse cos invasors romanos pasa conseguilo.

Komic Librería: Astérix e os pictos

Unha vez máis explótanse os tópicos sobre a terra visitada (o seu clima e a súa fauna, a súa cultura e gastronomía, o whisky, mesmo hai sitio para un antergo do monstro do lago Ness), hai referencias á actualidade europea e numerosos xogos de palabras, aparecern secundarios cómicos que aportan dinamismo á historia e os nosos heroes terán que afrontar contratempos inesperados para acadar o seu obxectivo. É dicir, un relato con todos os ingredientes característicos do Astérix de toda a vida, pero no que os seus autores semellan estar encorsetados, procurando a seguridade e non o risco. No canto de expresarse libremente pésalles a enorme responsabilidade de continuar e deciden recorrer ao máis doado, unha viá continuista na que resulta complicado aprezar o seus propios estilos.

Komic Librería: Astérix e os pictos

E é que, aínda que Astérix e os pictos mellora, e moito, o nivel das últimas aventuras realizadas por Uderzo e convida a ter algo de esperanza no futuro da serie, a súa lectura resulta case frugal, case fría. Non decepcionará aos seus milleiros de incondicionais, pero tampouco lles aportará moito, agás algún gag antológico. En todo caso está claro que o negocio é o negocio, e aí Astérix dificilmente perde, como demostra a edición simultánea en español (Salvat) e galego (publicada por Xerais cunha gran tradución de Isabel Soto e Xavier Senín) do que vai ser un dos cómics máis vendidos do ano.


Komic Librería: Astérix e os pictosAstérix e os pictos
Jean-Yves Ferri / Didier Conrad

Xerais / Salvat
Tomos: 1