Beowulf, de Santiago García e David Rubín: a modernidade do mito

Komic Librería: Beowulf


Como ben explica Javier Olivares no seu estupendo e emotivo epílogo, a obra da que vos imos falar hoxe, Beowulf, é a culminación dun proxecto nado hai máis dunha década na cabeza do polifacético Santiago García. Este guionista, teórico e tradutor ficou obsesionado dende pequeno con Beowulf, o antiquísimo poema épico anglosaxón que agora revisita da man do noso aprezado David Rubín nun espectacular álbum editado por Astiberri que vai camiño de converterse nun dos títulos máis salientables deste 2013.

E motivos non faltan para que isto sexa así, xa que estamos ante a versión dunha das obras máis influentes da literatura universal feita por dúas das voces máis inquedas e persoais da banda deseñada nacional. Dous autores, ademais, que comparten un amor incondicional pola novena arte e un entusiasmo a proba de bombas polo seu traballo.

Komic Librería: Beowulf

O argumento do texto fundacional inglés está dividido en tres actos centrados na figura de Beowulf, un afouto guerreiro, príncipe dos gautas, que acode na axuda dos daneses ou xutos, ameazados polo monstruoso Grendel. Tras loitar con el deberase enfrontar coa nai do xigantesco troll, e anos máis tarde, xa como rei do seu pobo, terá que pelexar a morte cun dragón.

O guión de García respecta a estrutura do relato primixenio nunha adaptación que o moderniza sobre todo a través do intenso e visceral derroche visual co que nos agasalla o talento do debuxante ourensán, construíndo unha sólida e abraiante historia que impacta ao lector xa dende a súa magnífica portada. Un ritmo de vertixe sabiamente dosificado complementa esta orxía visual na que guionista e debuxante empregan numerosos e variados recursos da arte secuencial para outorgarlle a Beowulf un aire anovado e único.

Komic Librería: Beowulf

Aproveitamos tamen para lembraros que o propio David Rubín estará este vindeiro xoves día 5 de decembro en Komic Librería para presentar esta marabilla e asinar exemplares da mesma, nunha cita que moitos e moitas de vós agardades con impaciencia. Agardamos contar daquela coa vosa presenza, ao tempo que desexamos que gocedes da súa lectura tanto como nós.


Komic Librería: BeowulfBeowulf
Santiago García / David Rubín

Astiberri
Tomos: 1