El libro de los insectos humanos, de Osamu Tezuka: unha análise crítica da condición humana

Komic Librería: El libro de los insectos humanos


Outra das obras publicadas en 2013 que poderían ter entrado perfectamente na nosa listaxe de Komic Favoritos é, sen dúbida, El libro de los insectos humanos, unha marabilla do mestre xaponés Osamu Tezuka, recuperada hai uns meses con acerto e bo gusto pola editorial Astiberri.

Komic Librería: El libro de los insectos humanos

O nipón, un dos grandes con maiúsculas da historia da arte da viñeta, é coñecido por ser o creador de series Astroboy ou novelas gráficas da talla de Adolf, pero gran parte da súa obra permanece inédita, algo normal se temos en conta o seu carácter prolífico (realizou máis de 150.000 páxinas ao longo da súa extensa carreira).

Komic Librería: El libro de los insectos humanos

El libro de los insectos humanos é un relato que poderiamos englobar dentro da corrente gekiga, un manga máis maduro, serio e realista, tanto nos temas a tratar como no seu grafismo, destinado a un público adulto. Tezuka abandona de xeito momentáneo a súa fantasía habitual para construir esta historia na que analiza a condición humana e critica diversos aspectos da sociedade xaponesa da época. Mais, como adoita acontecer coas grandes obras, a súa lectura, case corenta e cinco anos despois da súa publicación orixinal, mantén unha vixencia e unha frescura sorprendentes.

Komic Librería: El libro de los insectos humanos

A través das súas case catrocentas páxinas relata a traxectoria de Toshiko Tomura, unha atractiva e talentosa moza que destaca en todo o que fai pero que para ter éxito nas súas empresas agocha un terrible segredo. É importante ter en conta que a sociedade xaponesa, mesmo hoxe en día, relega á muller a un papel secundario e sumiso, polo que o protagonismo de Toshiko é aínda máis salientable.

Komic Librería: El libro de los insectos humanos

A obra está chea de personaxes amorais que non teñen escrúpulos en facer o que sexa para chegar aos seus obxectivos, comezando por ela mesma, e con isto Tezuka retrata as partes máis mezquinas do ser humano nun thriller intrigante, turbador e moi ben narrado.

Komic Librería: El libro de los insectos humanos

Unha das súas características principais como autor foi o seu aquel inquedo e anovador, o que o levou a ser un pioneiro, ao nivel mesmo de Will Eisner, no emprego dos recursos expresivos do medio, e aquí dá unha lección impresionante de todo isto: dende a construcción da páxina como elemento narrativo ata como empregar onomatopeias, luces e xogos de sombras na historia.

Komic Librería: El libro de los insectos humanos

Unha lectura dura e crítica, pero moi recomendable, mesmo para aquel@s que non sexades lectores ou lectoras habituais de manga.


Komic Librería: El libro de los insectos humanosEl libro de los insectos humanos
Osamu Tezuka

Astiberri
Tomos: 1