O Porto, de Manuel Mata: aventuras na costa galega

Komic Librería: O Porto


Resulta difícil clasificar este O Porto, unha novidade que nos presenta De Ponent, editorial que continúa a dar mostras de apoio a autores pouco coñecidos para o gran público no que supón unha aposta arriscada. Manuel Mata é un guipuscoano que descubrimos a través desta obra, xa que malia a súa veteranía non se publicara ningún dos seus traballos en editoriais españolas, aínda que curiosamente xa saíran á luz en países como Francia, Holanda ou Suíza.

Komic Librería: O Porto

A aparencia costumista das súas páxinas poderianos confundir a primeira vista, pero a intención do autor é outra. Non debemos encaixar O Porto neste xénero porque posúe tamén elementos de aventuras e intriga, amais de chiscadelas e referencias claras a autores como Hergé ou Agatha Christie.

Komic Librería: O Porto

A acción desenvólvese na pequena vila costeira que dá nome ao álbum. Os tellados de lousa e outros detalles da ambientación fan pensar que estamos na costa cantábrica galega arredor de 1950. É de agradecer que os personaxes non se construíran na súa maioría coma prototipos, senón que teñen certo carácter e individualidade.

Komic Librería: O Porto

Ceos grises e morriñentos, e unha paleta de cor acorde con eles, sitúannos durante todo o álbum nun inverno que debería transcorrer sen moitos sobresaltos. Mais Manuel Mata é quen de introducir un bo número de acontecementos para que a lectura non teña a monotonía qeu se lle presuporía á vida tranquila dun lugar coma O Porto.

Komic Librería: O Porto

A disputa continua entre contrabandistas e a Garda Civil, a loita de intereses entre unha grande empresa e os veciños ou o paso dun enorme transatlántico no que viaxa un influínte persoeiro, entroutros sucesos máis casuais, convirten esta banda deseñada nunha lectura entretida e que nos deixa ganas de coñecer máis a fondo a obra de Manuel Mata, polo que rematamos cun dito moi popular: máis vale tarde ca nunca.


Komic Librería: O PortoO Porto
Manuel Mata

De Ponent
Tomos: 1