Mi amigo Dahmer, de Derf Backderf: a mocidade dun monstro
Os asasinatos en serie producen, non sei moi ben cal é o motivo, unha estraña fascinación en todos nós. A curiosidade, o morbo, tentar entender o inexplicable... fan que nos sintamos atraídos por coñecer todos os detalles destas casos que de cando en vez sorprenden á sociedade. Algúns dos asasinos máis célebres convertíronse en personaxes populares que case semellan ser lendas ou ficcións, e as súas macabras traxectorias inspiraron numerosas películas, libros e documentais. Mais, ¿que acontece cando o asasino en cuestión non é un personaxe anónimo, senón alguén próximo?
Isto é o que nos conta Derf Backderf en Mi amigo Dahmer (Astiberri), onde comparte connosco a viaxe catártica que emprende na procura de comprensión tras decatarse de que o Carniceiro de Milwaukee, un dos máis arrepiantes serial killers coñecidos, que entre 1978 e 1991 acabou coa vida de 17 homes nunha terrorífica espiral de depravación que incluía necrofilia, canibalismo e descuartizamentos, era en realidad Jeff Dahmer, o seu compañeiro de instituto.
A partires do shock inicial, Backderf mergúllase nas súas lembranzas e recrea, con honestidade e precisión, ese anos compartidos, a antesala do horror, o comezo do descenso aos infernos que protagonizou Dahmer.
Non reconstrúe os seus sórdidos crimes, non trata de meterse na súa mente, simplemente mostra certos episodios significativos para coñecer a un mozo tímido e excéntrico, que non é quen de facer amigos por si mesmo, obsesionado coas crises epilépticas da súa nai e cos cadáveres, e que pol súa singularidade remata sendo adoptado como bufón ou mascota por un grupo de compañeiros entre os que está o propio Backderf.
Os seus problemas familiares, o seu aillamento social ou o seu alcolismo son algúns dos chanzos polos que vemos descender a Dahmer, neste relato inusual pola perspectiva que temos e pola fonda humanidade coa que está realizado, e que ademais resulta ser tamén un agridoce retrato da sociedade americana de finais dos setenta.
Unha novela gráfica estrañamente interesante, a medio camiño entre a reportaxe e o terror, turbadora xa dende a súa portada, e que tras ser premiada e enaltecida pola crítica americana vén de recibir recentemente o Premio Revelación na 41ª edición do Festival de Angoulême.
Mi amigo Dahmer
Derf Backderf
Astiberri
Tomos: 1