Kanikosen, de Go Fujio: unha lectura proletaria e necesaria
Entre a illa xaponesa de Hokkaido e a península rusa de Kamchatka atópase o mar de Okhotsk, a parte máis noroccidental do Océano Pacífico. Nas súas xélidas augas abonda a pesca, especialmente o salmón e o cangrexo, polo que son moitos os barcos pesqueiros que desafían o seu durísimo clima durante as épocas do ano nas que o mar non está cuberto polo xeo.
Alí é onde se ambienta a novela escrita por Takiji Kobayashi en 1929 coa que o autor denunciaba as inhumanas condicións ás que se vían sometidos os tripulantes dun buque cangrexeiro (que é o significa kanikosen), amais de reivindicar os seus dereitos laborais e criticar explicitamente o capitalismo sen escrúpulos.
A súa voz foi considerada altamente subversiva no seu tempo e por ese motivo foi torturado ata a morte pola policía segreda catro anos despois da publicación de Kanikosen. Máis de oitenta anos despois o seu discurso segue a ter vixencia e está máis vivo ca nunca, como o demostra o feito de que no seu país de orixe esta novela leva varios anos a aparecer nas listas de libros máis vendidos, foi levada ao cinema xa en dúas ocasións e tamén tivo a súa adaptación ao manga, que vén de editar no noso país a editorial Gallo Nero e que hoxe vos presentamos.
O argumento sitúanos no Haruko Maru, un barco que parte do porto de Hakodate cara Kamchatka para capturar e enlatar cangrexos nese bravo mar. A tripulación é cruelmente explotada polo patrón, para quen a productividade está moi por riba da humanidade, e isto leva aos traballadores cara a rebelión.
En certa medida lembrounos moito a Operación Muerte, o magnífico relato autobiográfico onde un dos grandes autores nipóns, Shigeru Mizuki, relataba a súa experiencia como soldado na Segunda Guerra Mundial. Se daquela chegaba a ser sorprendente o escaso, por non dicir nulo, valor que os mandos militares outorgaban ás vidas dos soldados, en Kanikosen resulta rechamante como (non) valora a compañía armadora aos seus traballadores, aos que trata de maneira brutal e abusiva. Tamén é importante (e aquí radica a subversión de Kobayashi) o papel que lle dá á unidade do proletariado e á necesidade de crear sindicatos para defender os dereitos laborais.
A súa carga política e social, que no seu momento viña directamente da revolución soviética, ten tristemente moito valor nos nosos tempos, onde nos últimos anos asistimos apampados a unha perda e un retroceso sen precedentes nas condicións do traballo. Por isto recomendamos vivamente esta obra adaptada con corrección e debuxo limpo por Go Fujio, porque pensamos que é unha lectura necesaria.
Kanikosen
Go Fujio / Takiji Kobayashi
Gallo Nero
Tomos: 1