Tiempo de canicas, de Beto Hernández: a lembranza do que sentimos

Komic Librería: Tiempo de canicas


A publicación dunha nova obra de Beto Hernández é sempre unha boa noticia, pero cando soubemos que Tiempo de canicas (La Cúpula) ía estar protagonizada por nenos, a noticia pasou a ser estupenda por partida dobre... ou tripla, porque o xénero de lembranzas da infancia é un dos que case sempre nos convence (e nesta obra hai moito da propia vida de Beto), e porque as últimas obras deste autor resultáronnos excesivamente crúas e violentas, así que unha historia sobre a súa nenez prometía un relato diferente.

Komic Librería: Tiempo de canicas

Moit@s lectores habituais desta páxina coñecedes o alto grao de consideración que temos cara os irmáns Hernández e súa extensa obra. Palomar, de Beto Hernández, foi, é e será sempre unha obra de cabeceira tanto na librería como na nosa casa. El e o seu irmán Jaime puxerón o listón ben alto nos afastados anos oitenta, dun xeito tal que custa imaxinar como puideron manter a súa capacidade creativa sen adoptar unha postura conformista ou doada.

Komic Librería: Tiempo de canicas

Tiempo de canicas é outra obra de enorme fondura e máis complexa do que o seu estilo minimalista nos fai crer a primeira vista. Aínda que os nenos sempre estiveron presentes nas historias de Beto e Jaime Hernández, neste álbum a infancia é o motivo central, e por isto o que se nos mostra é un mundo de nenos onde os adultos fican fóra do encadramento da viñeta.

Komic Librería: Tiempo de canicas

Pode que o maior valor desta obra sexa plasmar actitudes reais e unha sucesión de sensacións que calquera persoa adulta poderá rescatar entre os recunchos da súa memoria. A diferenza do que acontece en moitos outros tebeos deste xénero, Beto non nos conta aventuriñas ou anécdotas senón que, tal e como ocorre en Palomar, é quen de transmitirnos as transicións entre sucesos moi relevantes, conta cousas que poden semellar nimias ou intranscendentes, algo que define o estilo dos irmáns Hernández.

Komic Librería: Tiempo de canicas

Inevitablemente, o lector vaise sentir identificado nalgún intre, xa que a humanidade que destilan os personaxes de Tiempo de canicas iguálanos con eles, o que fai pensar que sempre están inspirados en persoas ou experiencias reais. O retoque de caracteres, a fusión entre dous ou máis deles ou certas licenzas non alteran o resultado máis que para melloralo, e avanzamos polas súas páxinas coma se estiveramos a viaxar polo tempo, vivindo o que lle acontece e pensa Huey, narrador e protagonista, como se fora a nosa propia nenez, e tan só as continuas referencias á cultura popular americana dos sesenta nos lembran que quen o imaxina é Beto Hernández e non nós mesmos.


Komic Librería: Tiempo de canicas

Tiempo de canicas
Beto Hernández

La Cúpula
Tomos: 1