Aleksis Strógonov, de Regnaud e Bravo: aventuras, emoción e ironía
Hai unhas semanas que recibimos con tremenda ledicia en Komic Librería este integral no que se recollen os tres álbumes –Bielo, Kino e Tamo– desta serie de aventuras, debuxada polo noso aprezado Émile Bravo con guión de Jean Régnaud e publicada orixinariamente en Francia entre 1993 e 1998.
Malia ser unha excelente mostra do xénero e unha lectura moi recomendable tanto para o público adulto como xuvenil, estrañamente permanecía inédita no noso país ata o de agora. De novo debemos agradecer á editorial tarraconense Ponent Mon a posibilidade de gozar co traballo dun dos nosos autores preferidos, desta volta dando un emocionante e irónico paseo pola convulsa Europa de entreguerras.
E é que Émile Bravo, parisino de pais españois a quen tivemos a sorte e o gusto de coñecer hai uns anos no Viñetas desde o Atlántico, demostra en todas as súas obras un enorme respecto pola tradición da bd de aventuras e un amor igualmente grande pola novena arte. Chamou a nosa atención coa súa elegante liña clara en Mi mamá (está en América y ha conocido a Buffalo Bill) (onde, por certo, prestaba os seus lapis a outra historia de Régnaud), deixounos abraiados ao contar a orixe dun personaxe clásico como Spirou en Diario de un ingenuo, e confirmou as nosas expectativas ao volvernos a conquistar coas asombrosas aventuras de Jules.
En Aleksis Strógonov viaxaremos por algúns dos lugares clave da historia europea do século XX. Comezamos a nosa travesía en 1919, nos últimos combates da Revolución Rusa, o exército vermello contra o branco, os comunistas contra os tsaristas, e no medio de todo isto dous irmáns, Oleg e Aleksis, soldados do pobo, novos e inocentes, reciben a encarga de fundar un soviet xunto ao Bulkin, filósofo e falabarato a partes iguais.
No segundo tomo atopamos a Aleksis traballando na incipiente industria cinematográfica no Berlín dos anos vinte, nunha Alemaña que vén de ser derrotada na Primeira Guerra Mundial e onde o rancor e o resentimento da derrota fomentan a aparición do nazismo.
E no terceiro e (polo momento) derradeiro volume da serie, o noso heroe terá que coidar da filla dun líder nacionalista morto por accidente e verase involucrado nun conflito étnico nos Balcáns.
Xa que logo estamos perante unha bd de aventuras moi ben construída, creativa e intensa, co plus de estar situada en contextos e escenarios históricos, coa súa relevancia, dureza e crueldade, pero tratados por Régnaud e Bravo cunha retranca sublime á que se suma tamén unha certa crítica social para retratar esta época de revoltas e extremismos.
No apartado gráfico salientamos a evolución que percibimos no debuxo de Bravo do primeiro ao terceiro volume, cuns inicios nos que a súa liña clara está máis achegada ao estilo predominante nos anos oitenta (na onda de Yves Chaland ou Daniel Torres) e vai evoluíndo ata chegar o estilo propio e persoal que nos namorou nas súas obras anteriores.
Aleksis Strógonov (Integral)
Jean Regnaud / Émile Bravo
Ponent Mon
Tomos: 1