La Luz, de Antonio Seijas: a obra dun home valente

Komic Librería: La Luz


Moitas veces o acto creativo do artista é en si mesmo un exercicio de liberación. Compoñer unha canción, escribir unha novela, pintar sobre un lenzo ou debuxar e contar unha historia pode axudar a sobrelevar unha situación difícil, e a motivación ou a finalidade esencial desta actitude pode xurdir de xeito consciente ou inconsciente.

Antonio Seijas escribe no epílogo de La Luz: «a arte é o camiño verdadeiro, o que nos achega a percibir uo intuír unha realidade última». Poderiamos engadir que é ademais o que mellor pode conceptuar o espírito humano. E espiritualidade sería a palabra que mellor pode definir o tema central desta novela gráfica.

La Luz é unha metáfora armada nunha ducia de pezas que conteñen outras tantas mensaxes envoltas de distinta maneira, xa que o estilo gráfico muda en cada unha delas. Todas están introducidas por unhas páxinas nas que vemos como se reencontra unha desventurada familia nun faro que foi sempre o fogar do avó.

Komic Librería: La Luz

O perdón mutuo e a cura de vellas feridas son o resultado das conversas e do reconfortante reecontro entre estes personaxes que superaron os seus medos e as súas miserias terreais. Os simbolismos son claros cunha mínima reflexión. Ao comentar algunha obra deste carácter xa temos dito aquí que son poucos os ousados autores que se mergullan en augas tan profundas e saen airosos.

Komic Librería: La Luz

La Luz é un paso adiante na carreira deste autor, unha procura do seu propio estilo e da súa propia identidade artística. Por iso falamos de Antonio Seijas coma un home valente e non coma un home feliz (que é o título da súa galardoada primeira obra) aínda que estamos seguros de que a culminación e a publicación deste libro o terán enchido de felicidade a el a e aos moitos que tanto o aprezamos.


Komic Librería: La LuzLa Luz
Antonio Seijas

De Ponent
Tomos: 1