La gigantesca barba que era el mal, de Stephen Collins: estraña e máxica fermosura

Komic Librería: La gigantesca barba que era el mal


Hoxe temos o gusto de falarvos de La gigantesca barba que era el mal, unha das obras coas que máis gozamos nos últimos tempos, un deses libros polos que nos sentimos atraídos mesmo antes da súa lectura, posuidor dunha estraña e máxica fermosura que, sumada ao seu intrigante título, facía presaxiar que non estabamos ante unha obra corrente. E así é.

Komic Librería: La gigantesca barba que era el mal

Stephen Collins, un novo autor británico que ten colaborado como ilustrador en numerosas publicacións, fai a súa estrea no mundo da bd con este magnífico conto para adultos (pero que os cativos tamén poden aprezar) onde atopamos unha intelixente metáfora crítica da sociedade e das súas convencións.

Komic Librería: La gigantesca barba que era el mal

O argumento sitúanos na illa de Aquí, un lugar onde reina a orde e todo o mundo se rixe por normas e patróns que ninguén incumpre xamais. Os habitantes de Aquí danlle as costas ao mar que rodea a illa porque está cheo de segredos descoñecidos, e porque máis aló do océano está Alí, que sería o contrario que Aquí e onde é o caos o que manda.

Komic Librería: La gigantesca barba que era el mal

Nesta illa vive Dave, un solitario oficinista que ten un traballo rutinario e vive unha existencia tranquila e ordenada, coma todos os seus concidadáns. No seu tempo de lecer gusta de debuxar a xente que pasa pola rúa mentras escoita, unha e outra vez nun bucle infinito, Eternal Flame de The Bangles. E así son todos os seus días, todos iguais. Ata que unha mañá a súa barba comeza a medrar e a medrar e a medrar, traendo a desorde e o caos á vida de Dave e a illa de Aquí. E xa nada volverá a ser igual.

Komic Librería: La gigantesca barba que era el mal

Para contarnos esta historia Stephen Collins emprega un estilo diáfano e sinxelo, pero moi traballado, utilizando unicamente lapis, o que lle outorga á obra un aquel ordenado (como debe ser na illa de Aquí) e ao mesmo tempo onírico, cunha construción de páxina sobresaínte aproveitando ao máximo todo tipo de recursos, xogando coas viñetas e procurando as mellores opcións para salientar o que conta en cada intre.

Komic Librería: La gigantesca barba que era el mal

Lendo La gigantesca barba que era el mal pensamos en máis dunha ocasión en Roald Dahl, pola tremenda capacidade que hai nesta obra para criticar varios dos aspectos que crean unha orde establecida na nosa sociedade, como darlle maior importancia ás normas que á persoas, terlle medo ao descoñecido ou ao diferente, ou preferir que alguén forme parte do rabaño a que pense por si mesmo. E todo isto é transmitido por Collins cunha elegancia e sinxeleza enormes, ao tempo que acada escenas dunha comicidade xenial.

Estamos, xa que logo, ante unha sátira brillantemente debuxada e narrada que vos recomendamos encarecidamente e que de seguro vos encantará. Boa lectura a todas e todos!


Komic Librería: La gigantesca barba que era el mal

La gigantesca barba que era el mal
Stephen Collins

La Cúpula
Tomos: 1