Come Prima, de Alfred: unha viaxe fraternal cara a memoria

Komic Librería: Come Prima


Obter a Fauve d'Or (premio á mellor obra do ano) no Festival de Angoulême é unha das maiores recompensas ás que pode aspirar un autor europeo, unha honra e un empurrón á súa carreira profesional. Para o lector, afeccionado e comprador habitual de bd este premio supón unha garantía de calidade, malia non conlevar sempre un entusiasmo enorme pola obra ou polo seu autor.

Komic Librería: Come Prima

Para nós non pasaron desapercibidos nin nos deixaron indiferentes os anteriores traballos de Alfred editados en España: Por qué he matado a Pierre (con guión de Oliver Ka, Ponent Mon) e No moriré cazado (Astiberri), en ambos os dous casos historias realistas e dramáticas que non chegaban ao preciosismo gráfico da obra que hoxe nos ocupa.

Komic Librería: Come Prima

En Come Prima dous irmáns de orixe italiana inician unha viaxe despois de dez anos sen verse. A acción está situada en torno a 1960. Diríxense nun pequeno Fiat 500 dende Francia ata a súa vila natal. Serán centos de quilómetros e moitas as lembranzas que compartiremos con estes dous personaxes de caracteres opostos forzados a reencontrarse por motivacións ben distintas.

Komic Librería: Come Prima

O autor dosifica con precisión e ritmo constante a información que precisamos, e alterna a acción presente con flashbacks nos que emprega un estilo menos detallado, máis pictórico, moi axeitado ao que se vai rescatando da memoria da infancia e da mocidade dos protagonistas.

Komic Librería: Come Prima

Un dos puntos fortes de Come Prima é a confortable sensación da viaxe coma unha sucesión de bucólicas paisaxes mediterráneas e alpinas, vilas preindustrais tratadas de xeito exquisito tanto no debuxo coma na cor. Créase un forte contraste entre a placidez que se transmite así e as situacións de tensión, e mesmo violencia, entre os dous irmáns. Os afeccionados ao cine inevitablemente atoparán referencias ao costumismo e ao neorrealismo italiano que aquí se traslada á linguaxe secuencial.

Komic Librería: Come Prima

Ante un galardón desta envergadura podemos asegurar que nos enfrentamos a unha boa lectura, aínda que sempre nos quedará a dúbida de se habería outro título do ano publicado no mercado francés que nos puidera ter gustado aínda máis.


Komic Librería: Come PrimaCome Prima
Alfred

Salamandra Graphic
Tomos: 1