Daredevil, El hombre sin miedo, de Mark Waid: a reinvención dun superheroe

Daredevil, el hombre sin miedo


Non adoitamos tratar moito o xénero de superheroes na páxina de Komic Librería por varios motivos: a maioría d@s komiqueir@s habituais estades máis interesad@s noutros estilos, hai información dabondo na Rede e, sobre todo, poucas obras destas características chaman a nosa atención. Pero habelas, hainas, e nestes últimos tempos cada vez máis, así que hoxe, co voso permiso, ímosvos recomendar a reinvención dun dos personaxes clásicos da Marvel, Daredevil, el hombre sin miedo, realizada por Mark Waid e que, coa publicación do seu cuarto tomo, finaliza o seu primeiro gran ciclo.

Daredevil, el hombre sin miedo

Entre as virtudes desta obra está, en primeiro lugar, que non é necesario ser lector ou lectora habitual do xénero para entendelo e para gozar coa súa lectura, xa que o hábil guionista americano constrúe unha historia moi ben montada na que inclúe unha rápida pero efectiva presentación do personaxe, contando a súa orixe unha vez máis e, ao mesmo tempo, toma prestados recursos procedentes do xénero negro, das historias de amor ou mesmo do subxénero xudicial para desenvolver as súas tramas.

Daredevil, el hombre sin miedo

Como moit@s de vós saberedes, Daredevil (a quen @s máis veteran@s lembraredes tamén co nome de Dan Defensor) é un heroe bastante peculiar, dotado de sentidos agudizados de maneira sobrehumana pero que, no mesmo accidente no que conseguíu os seus poderes, perdeu a vista. Así pois estamos ante un superheroe cego e, por se isto fora pouco, cunha traxectoría de traxedias e perdas ás súas costas que faría palidecer a calquera guionista de culebróns.

Daredevil, el hombre sin miedo

Dende que este personaxe foi creado, hai cincuenta anos, vivira o seu momento de esplendor nos oitenta, cando se fixo cargo da súa colección Frank Miller, que marcaría ao noso protagonista cunha escuridade e unha capacidade para atraer desgrazas fóra do común, ata que hoxe en día, cos magníficos guións de Waid máis a colaboración de estupendos debuxantes, dinámicos e sobrios, clásicos e ao mesmo tempo actuais, como Marcos Martín, Paolo Rivera, Chris Samnee ou Mike Allred, volve vivir momentos de gloria.

Daredevil, el hombre sin miedo

E non é para menos, xa que nestos primeiros catro volumes atopamos un Daredevil obrigado a reinventarse, a renacer unha vez máis, pero tentando desta volta deixar as traxedias a un lado, un Daredevil máis positivo, realista e divertido ca nunca, e que, grazas o interesantísimo emprego do monólogo interior que fai o seu autor, vemos convertido nun exemplo de superación ao compartir máis ca nunca cos lectores as vantaxes e os inconvenientes da súa cegueira. Cómpre falar tamén da estrutura deste primeiro ciclo, xa que constrúe unha sorte de pirámide, unha historia central que se vai facendo con relatos máis pequenos que se entrelazan e conectan de maneira perfecta, e nos que se agradece o debuxo dos distintos ilustradores, afastado dos superheroes hipermusculados e das composicións de influencia manga que invadiron os cómics de superheroes dos noventa.

En fin, que vos recomendamos moito esta lectura, sexades afeccionad@s ou non ao xénero, pois tanto a uns como a outros vaivos sorprender moi gratamente.