Belleville Story, de Malherbe e Perriot: acción e intriga no París máis descoñecido
París, a capital de Francia, a cidade eterna, a antiga Lutecia (a cidade da luz), o destino turístico máis visitado do mundo, é un universo en si mesma, con infinitos rostros que decote non aparecen nas guías de viaxe. Para ver de preto unha destas facianas menos coñecidas non temos máis que achegarnos ao popular barrio de Belleville, cosmopolita, multicultural e cheo de vida, pero cun lado escuro e perigoso que xa apareceu noutros exemplos recentes do xénero negro francés, como son La Banda de los Postizos ou o segundo tomo de RG, titulado Bangkok-Belleville.
Na obra que hoxe nos ocupa Arnaud Malherbe e Vincent Perriot trazan un trepidante e emocionante thriller que se desenvolve ao longo dunha noite na vida de Freddy, a man dereita dun mafioso polaco de baixa estofa.
Unha confusión ao recibir un cargamento de contrabando fai que entren en conflito coa temible mafia chinesa dirixida polo sinistro Sr. Wang, colocando ao noso protagonista nunha complicadísima situación. Ao mesmo tempo vemos como chega a París un misterioso home asiático, de nome Zhu, coa misión de atopar a unha moza chinesa desaparecida e con quen inevitablemente se vai cruzar o camiño de Freddy. A noite, definitivamente, vai ser moi, moi longa...
Belleville Story engancha ao lector ou lectora dende a primeira viñeta polo seu ritmo intenso, sen descanso e cheo de acción. Esta planificación narrativa sen fisuras, xunto co seu ultra-dinámico e por momentos nervioso debuxo (no que aprezamos influencias dalgúns dos renovadores da bd francesa, como Joann Sfar ou Christophe Blain) e unha xenial construción dos personaxes son os piares que sustentan este relato que se move entre o xénero noir e o realismo social, ao plasmar as condicións de vida dos emigrantes clandestinos.
Publicado orixinariamente en Francia en dous volumes, a edición integral que nos achega Norma resulta perfecta para gozar con este relato que ten unha posta en escena absolutamente brillante e no que podemos aprezar outro grande exemplo da nova xeración de historietistas galos, que beben de fontes tan diversas como o cinema, os videoxogos, o manga ou a propia bd europea para crear as súas historias cunha liberdade que agradecemos enormemente. Agardamos que o pasedes tan ben coa súa lectura coma nós!
Belleville Story
Arnaud Malherbe / Vincent Perriot
Norma
Tomos: 1